Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Todos contra Feijóo

    OU VICEVERSA: FEIJÓO CONTRA TODOS. Depende do enfoque e, neste caso, sen distinción de cores. A proposta de que goberne a lista máis votada, unha das sesenta medidas que presentou no berce da primeira Constitución Española, no gaditano oratorio de San Felipe Néri, levantou un balbordo en toda España que desde Galicia a máis dun resúltanos sorprendente. É unha vella teima do líder popular, coñecida desde hai décadas e amplamente debatida no teatro de operacións da política galega.

    Todo o mundo é consciente, penso que incluído o promotor, da inviabilidade do obxectivo pola dispersión política actual, cuxa reversión cara un bipartidismo antóllaseme bastante complicada no curto prazo. Imposible nun ano marcadamente electoral como iste. Modificar a lei que regula os procesos electorais (LOREG) require un amplo consenso, impulsado ao unísono polos dous grandes partidos nacionais.

    Non é o momento para lograr o obxectivo, se for o que se propón, pero non cabe dúbida de que os efectos colaterais sonlle beneficiosos. Porque neste asunto hai que mirar ao dedo e non á lúa. O impacto acadado pola iniciativa -que falen dun aínda que sexa ben- puxo o foco da actualidade no candidato do PP. A estratexia do todos contra un cultivouna con éxito en Galicia durante doce anos: eu ou o caos dun multipartito. Daquela, ainda que o bipartito Touriño-Quintana que lle precedeu gozaba de boa reputación o electorado preferiu a estabilidade. O fenómeno repetiuse recentemente en Andalucía e probablemente volva acontecer nalgunhas comunidades e concellos o vindeiro 28-M.

    Por unha vez, todo o arco parlamentario, desde Vox ao BNG, coincidiron no rexeitamento á proposta de Feijóo. E nesta ocasión, a diferenza doutras, por idéntico motivo. Mesmo dentro do PP non xera unanimidade, medorentos de incorrer en futuras incoherencias. É natural que os partidos sen opcións de ser os máis votados rexéitena con vehemencia, pero seguramente haberá división de opinións no PSOE e nacionalistas ou rexionalistas hexemónicos nos seus territorios, aínda que non as pregoen. Facilitaríalles a gobernabilidade. O sentir maioritario dos cidadáns, segundo recollen as enquisas incluíndo as do CIS, é moi favorable. Tamén por iso se fai en período preelectoral. Queda por ver como se inclúe nos programas. E a letra pequena. Coincido no reproche que se fai ao PP de tratar de xustificar futuros acordos con Vox. Supoño que visto o efecto contrario que deu a Sánchez negar dous días antes das votacións calquera relación con Podemos, Feijóo fuxirá das liñas vermellas. Seguindo o modelo galego que deixou fora a Vox e C`s, unha posición morna xera máis simpatías entre electorado máis escorado á dereita que o rexeitamento radical. Á hora da verdade, o voto útil existe.

    En calquera caso, hai outras cuestións de maior relevo que non chamaron tanto a atención. Para mellorar a calidade democrática debe evitarse o abuso do decreto lei así como propiciar a neutralidade institucional, pero sábese que en tempo electoral calquera consenso é misión imposible. O ano que vén, xa veremos.

    29 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito