Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Topónimos do corazón

    DURANTE estas vacacións de agosto heille dedicar un tempiño á procura dos topónimos da miña vida. Porque, segundo a peripatética dalgúns oficiantes e algunhas sacerdotisas do lume de Vesta desta lingua, hai que salvar o número innúmero dos nosos microtopónimos. Un thesaurus que se cadra empezou a coleccionar aquel xeneral romano, Décimo Xunio Bruto, que sabía os alcumes de todos os seus soldados, e seguro que tamén foi pousando nomes de lugar pola Gallaecia. Máis de dous mil anos despois seica hai que botarse a repañar un millón de microtopónimos romanos e prerromanos, cando máis nos valería recuperar o uso correcto de media ducia de pronomes. Esas vítimas da vagancia gramatical dos estudiados.

    Pero por min que non quede o caldo sen facer. De entrada podo aportar o unto substancioso de dous microtopónimos coma dúas moedas ou dúas pedras preciosas que levo no peto da miña educación verbo-sentimental. A primeira é a Pedra do Arroaz, un recunchiño da enseada da miña aldea mariñeira, onde un día remoto dun mes de xullo catei o meu primeiro bico roubado. A outra moeda é romana de lei: a Pedra Coneira ou Pedra de Conear. Que non se me asuste ningunha sacerdotisa nin acore ningunha académica, porque este conear non vén de connus senón de cuneus. Aclaración que talvez non sirva de nada, porque polo visto agora hai moitas filólogas (e filólogos) en especialidades románicas que non saben cadela de latín. (Pero eu asistín ás leccións –maxistrais– de don Manuel Díaz).

    Que saudade teño dos topónimos do meu corazón, coma a Pedra de Conear (no Pé do Muíño, outro microtopónimo), arredor da cal nenos e nenas xogabamos ás agachadelas, cada quen no seu recuncho, no seu cuneus, no seu coin, como diría un francés, porque esta palabra ten a mesma etimoloxía. Algún soldado da lexión de Décimo Xunio Bruto debeu desertar e atravesar de volta o río do Esquecemento (Leteo), e veu dar á ría de Vicus (outro topónimo que puido ser micro pero acabou macro), onde guindou ao vento o verbo cuneare, fermoso voquible (el só bastaría para inspirar unha novela histórica), que se enriqueceu semanticamente e acabou significando perder o tempo polas esquinas, andar ocioso ou ociosa de recanto en recanto. A última vez que oín tilintar (como diría un portugués) esta vella moeda foi na doce voz dunha redeira de Moaña: “Andei toda a mañá a conear”. Foi cousa de encantamento, coma se pola brisa ou polo vento me chegara un son de lonxincuas Eneidas.

    Cando chegue setembro non todo será marabilloso (ao revés do que prometía aquela película e mais a canción de Bobby Darin), pero eu hei volver a este meu rabo do vivir co peto cheo de moedas da aurora da miña vida.

    29 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito