Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 19 abril 2021
21:12
h

Trinta e tres anos despois

    TRINTA e tres anos despois da entrada en vigor da lei do uso do galego como lingua oficial das entidades locais, no Concello da Coruña vimos de aprobar a ordenanza para o uso da lingua galega poñendo así fin a unha anomalía histórica. Somos a derradeira das grandes cidades galegas en dar este paso, Vigo e Santiago aprobaron as súas ordenanzas en 1988, Ferrol no 97, Ourense no 98, Pontevedra no 2004 e Lugo no 2012.

    A cidade que se reivindica como faro de Galicia ten que estar á altura do papel que ocupa na comunidade e contribuír á normalización do galego dando exemplo na súa defensa e na normalización do seu uso. Iso é o que vimos de facer, sen ningún tipo de trauma, normalizando o que xa tiña que estar feito hai tempo.

    As linguas son para entenderse, non para confrontar, e nese sentido defendo e defenderei sempre a inmensa riqueza que supón para os galegos e as galegas dispor de dúas linguas nas que poder expresarse e entenderse, sabedores da necesidade de protexer e impulsar o uso do galego como o elemento máis relevante da nosa cultura.

    A Galicia do 2030 non pode construírse sen contar coa cidade da Coruña, e viceversa: somos vangarda e temos que adecuar as nosas decisións ao que somos, que é o que loce nas palabras que presiden a fachada do noso Pazo Municipal: “Cabeza, Garda e Chave, Forza e Antemural do Reino de Galicia”.

    Como cabeza, garda e chave, non podiamos seguir adiando unha débeda pendente coa normalización da nosa lingua. O Concello da Coruña debe contribuír á normalización do galego, polo que creo que unha ordenanza como a que propomos, que nada impón e que a ninguén exclúe, segue sendo necesaria para contribuír a poñer en valor a lingua propia, o elemento máis relevante dunha cultura, a galega, que por distintos avatares históricos foi soterrada durante séculos e que hoxe, precisa aínda do noso apoio e coidado para garantir a súa supervivencia.

    O que realmente desexamos é que, máis pronto que tarde, o galego non precise de ordenanzas nin de apoios legais para fomentar o seu uso.

    O 2 de xullo deste ano cumprirase un aniversario moi especial. Ese mesmo día, 160 anos atrás, celebráronse nun teatro municipal, o Teatro Rosalía (que entón era o Principal), os Xogos Florais de Galicia. Aquela cita, organizada por Juana de Vega e Benito Vicetto, supuxo un fito no impulso ao Rexurdimento. Entre os premiados, o outiense Francisco Añón, co seu poema, en galego A Galicia.

    As obras dos participantes, entre eles Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, serían publicadas ao ano seguinte no chamado Álbum de la Caridad, obra esencial para entender o pulo que recibiu o Rexurdimento, que tivo nesta cidade a súa principal capital.

    Coido que a posta en marcha desta ordenanza é unha digna homenaxe a ese aniversario. É tamén unha forma de saldar, ou de comezar a saldar, unha débeda co movemento que permitiu o revivir cultural da nosa cultura que nos configurou como o que somos hoxe: un pobo coa sorte de ter dúas linguas e dúas culturas distintas das que beber.

    10 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito