Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ucraína como escusa, nun sistema esgotado

    Pensar que Estados Unidos e a UE están confrontando con Rusia porque defenden a xustiza social e a soberanía da Ucraína, co que isto pode implicar se houbese un choque militar, aínda que fose mínimo e casual, resulta contraditorio coa cativa axuda que recibe destas potencias en relación coa mala situación económica que padece, a emigración masiva, e o auxe dos grupos de ultradereita e fascistas. Polo tanto, son outras as razóns que alentan este conflito, e teñen un carácter xeoestratéxico pra Washington, mais tamén para a UE. Daquela que Borrell destacase na súa última visita a este país, coa presencia simbólica na zona fronteiriza (de enfrontamento militar), que a UE levaba investido 17 mil millóns nese país. Sen dúbida unha cifra importante que non se ve reflectida nunha mellora da calidade de vida do povo da Ucraína. Entón: onde se investiron tantos cartos, que saen do peto dos habitantes da UE? cando se aprobaron? Por que se lles deu tan pouca publicidade?

    Que hai outras razóns para esta ofensiva contra Rusia, que ren teñen que ver con Ucraína e a democracia, afirmouno o xefe da Armada alemá, Kay-Achim Schönbach nunha reunión na que participaba na India. Fíxose a seguinte pregunta á que deu unha resposta moi clara: “Quere Rusia unha pequena franxa de chan ucraíno? Putin sabe que pode premer e dividir á Unión Europea, porén o que realmente quere é respecto”. Á súa volta a Alemaña tivo que dimitir. Evidentemente non sabia que o estaban gravando e pagou cara a súa sinceridade.

    A cuestión de fondo para Rusia non é que Estados Unidos e a UE a sancionen economicamente, a isto pódelle dar unha resposta a medio prazo ampliando o comercio con outras potencias e países. O que realmente lle preocupa, porque atinxe á seguridade e polo tanto á soberanía, é que a OTAN, ou sexa os Estados Unidos, coloque nas súas fronteiras lanzadeiras de mísiles. É dicir, a tan pouca distancia de Moscova e outras grandes cidades que non lle dea tempo material para interceptalos. É unha cuestión defensiva elemental, e así o ten manifestado Putin con toca claridade. Polo tanto ou hai acordo ou Rusia tomará medidas para garantir a seguridade mediante un equilibrio de perigos para ambas partes, por exemplo instalando armamento ofensivo perto das grandes cidades norteamericanas e europeas.

    Todas estas manobras de Estados Unidos, a UE, e outros aliados da primeira periferia de Washington, teñen como obxectivo principal recuperar o papel determinante en todos os planos do imperialismo occidental, para manter beneficios e privilexios, que agora están cuestionados no ámbito económico, porén en pouco tempo tamén o estarán noutros espazos de poder, polo avance das potencias emerxentes. Desbotase unha saída negociada, o que non é ningunha novidade, xa que a existencia dun mundo multipolar durante décadas foi consecuencia do resultado da Segunda Guerra Mundial, ou sexa da confrontación entre as potencias capitalistas, e do fortalecemento neste conflito do bloque socialista, o movemento obreiro, e a loita anticolonial. A caída da Unión Soviética mudou esa correlación de forzas a prol da hexemonía do imperialismo de EEUU, e o ascenso económico de China e outras potencias rexionais cuestiona este dominio.

    Ademais desta confrontación entre potencias non se pode ignorar que o sistema capitalista amosa síntomas de esgotamento ao non dar unha resposta axeitada aos grandes problemas de humanidade e perder consenso social. Por exemplo: a desfeita da natureza, esgotamento dos recursos, o medre da desigualdade e da violencia, o crecemento da economía especulativa e delituosa, o afastamento das institucións da sociedade e aumento da fragmentación social nos países que se denominan “democráticos”. Resulta evidente que a iniciativa militar está en Washington, algo que non é casual se temos en consideración que ten centos de bases en máis de oitenta países, e que o complexo industrial militar é a máis importante contribución á economía de EEUU. Mais a súa estratexia sería moi diferente se non contase co respaldo e as veces submisión da Unión Europea. Un exemplo desta actitude é a de Pedro Sánchez, por unha banda enviando unha fragata ao Mar Negro e pola outra pedindo á OTAN e dirixentes europeos que dean prioridade á diplomacia. Non é moi cínico. Pensará que a xente é parva?... En fin, isto é no que se converteu a UE. Ou sempre foi así?...

    Máis que nunca cómpre erguer as bandeiras da paz, a solidariedade, o respecto pola diversidade, a defensa da riqueza cultural e lingüística da humanidade, garantir a xustiza social, a igualdade de trato, a soberanía das nacións (grandes e pequenas, con ou sen estado propio). Converter en estados falidos a Iraq, Libia, Afganistán,... bloquear e sancionar a Cuba, Venezuela,... e provocar e afogar a Rusia non é o camiño, só aumenta o perigo dunha guerra global (mesmo pode que nuclear). Ulo a democracia e os dereitos individuais e colectivos, e a participación da sociedade en temas de tanta transcendencia?...

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    26 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito