Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

¿Ulstexit con Carlos III?

    Unha das consecuencias do Brexit, cando pretendía evitar calquera dependencia do Reino Unido verbo da Unión Europea, foi que o Ulster quedou incluído no espazo económico comunitario. Iso significou o acceso libre das mercadorías que chegasen pola fronteira coa República de Irlanda e daqueloutras chegadas desde Gran Bretaña ou desde o continente. Daquela, os que tiñan máis vocación de pertenza ao Reino Unido -os protestantes norirlandeses- víanse de feito asimilados ao conxunto de cidadáns da UE e, en consecuencia, tiñan que pagar un prezo máis elevado (taxa de importación) polos produtos importados da Gran Bretaña. Sen esquecer a perda das subvencións que Bruxelas concedía en tanto que rexión deprimida.

    Engadamos a iso o aumento demográfico da poboación católica, que ameaza aos unionistas en convertérense nunha dobre minoría: dentro dos límites do Ulster e aínda máis, no conxunto dunha República de Irlanda unificada se, en aplicación da previsión contemplada nos Acordos de Venres Santo, tal circunstancia chegase a producirse.

    Máis aínda cando, sen deixar de exercer o non recoñecemento á autoridade soberana da Coroa británica, os dirixentes republicanos están a observar desde hai uns anos un respecto institucional nese senso. Primeiro foi a reunión a porta cerrada do antigo dirixente do IRA Martin McGuinness, cando era vice primeiro ministro, coa raíña Isabell II de visita ao Ulster, en xuño de 2012. Era a primeira ocasión na que un dirixente republicano reuníase coa persoa que ostentaba a coroa. En 2015 Carlos, o príncipe de Gales, visitou Irlanda e en Cork saudou a Gerry Adams e tiveron ocasión de falar da “evolución das cousas”.

    Despois da morte da raíña Isabell II, Carlos III fixo unha rolda para recibir as condolencias dos parlamentos do Reino Unido para a súa proclamación, entre eles a cámara de Stormont, cuxo speaker é Alex Maskey, do Sinn Fein, cámara que segue bloqueada polo boicot dos unionistas, perdedores das eleccións hai uns meses. O saúdo foi cordial aínda que sen inclinación da cabeza por parte do republicano, razón pola cal -non xurar fidelidade á coroa británica- os membros do Sinn Fein non asistiron ao acto de proclamación do novo rei no castelo de Hillsborough nin ocupan os escanos correspondentes en Westminster. Durante a súa visita a Belfast, o novo rei reuniuse tamén con Michelle O’Neill, a candidata do Sinn Fein a presidir o goberno do Ulster.

    Pero se a andadura do reinado de Carlos III comezou coa primeira crise de Liz Truss, a nova primeira ministra, pola súa proposta fiscal, verbo do Ulster segue a espada de Damocles dun referendo de unificación cando se dean as circunstancias que tecnicamente o fagan posible, é dicir cando a poboación favorable en teoría sexa maioría. Unha circunstancia que os unionistas -cunha taxa de nacementos inferior cá dos católicos- están xa a considerar como probable.

    En calquera caso, e por aquilo de remollar as barbas cando llas afeitan ao veciño, unha parte significativa da poboación protestante está a exercer a facultade establecida nos acordos de 1998 pola cal os habitantes de Ulster poden solicitar pasaporte da República (polas vantaxes que dá ser cidadán da Unión Europea) e ter así dobre nacionalidade británica e irlandesa. Nos últimos dez anos, o número de súbditos (católicos ou non) que solicitaron o pasaporte irlandés aumentou un 10% para acadar un 32% da poboación (un 29% decláranse só irlandeses). Curiosamente, o segundo idioma máis falado no Ulster, por detrás do inglés (do peculiar inglés do norte de Irlanda, como ben recolle Kenneth Branagh na súa recente película Belfast).

    Pero ao sur da fronteira tamén temen a unificación. En primeiro lugar, porque a eventualidade dun conflito cos unionistas, que agora soporta Londres. Despois, pola influencia que tería o Sinn Fein no xogo de partidos irlandés desde a guerra civil. E finalmente, polo custo fiscal que a unificación podería ter e que só conta coa aprobación dun 22% dos cidadáns da República.

    Joaquim Ventura

    11 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito