Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un continuísmo que fai tremer

    A asunción da presidencia da Xunta de Galiza por parte de Alfonso Rueda non trouxo ningunha novidade, puro continuísmo, e isto non é precisamente algo que se agradeza se temos en consideración a etapa con Núñez Feijóo. A este non se lle pode negar a capacidade para manter a maioría absoluta nas eleccións autonómicas, mais, o esencial para a maioría social foi que recuou a economía e a povoación respecto do Estado español. A caída da natalidade, forte emigración, despovoamento rural, exportación de capital, traspaso a mans foráneas das empresas máis dinámicas, etc, mantivo a súa tendencia histórica regresiva e mesmo se agravou. E todo elo malia a chegada de inmigrantes dende lugares cunha situación económica máis deteriorada, que se quixo presentar como un éxito comparativo. Mais non é así cando esta comparación faise coa contorna, co Estado español, e co conxunto da UE, da que formamos parte.

    E así nos vai, e non só pola pandemia e a guerra na Ucraína, e ren indica que o novo Presidente da Xunta pretenda ou cando menos intente ilusionar cun cambio que corrixa estas tendencias. Todo o contrario para el o esencial é o continuísmo e amosar que somos fieis á España, ou sexa a Madrid-Castela. Faino deixando claro seu rexeitamento ás fozas soberanistas de Cataluña e Euskadi, obviando e hipotecando unha folla de ruta que non debe subestimar e menos desprezar. Xa que a estas nacións periféricas vailles moito mellor que a nos, non só respecto de valoración que se fai da súa identidade especifica na “España real”, senón polo desenvolvemento económico e o rol que xogan na cadea de valor tanto no Estado español (EE) como na Unión Europea.

    Uns datos sobre a evolución da Galiza. No ano 2000 o EE tiña 40.499.000 habitantes e Galiza 2.731.000 persoas; no 2021 o EE acadaba os 47.385.000 e Galiza só 2.762.000 Ou sexa en 21 anos o Estado español crecía en 6 millóns 886 mil persoas e Galiza só en 31 mil. O EE multiplicaba 222 veces o noso crecemento, coa excepción de que o máximo número de habitantes conseguímolo no ano 2009 con 2.796.000 habitantes (co bipartito PSOE-BNG) co governo do PP comezou un morno, mais constante, retroceso. E, diuse esta tendencia regresiva malia que temos unha extensa costa, que sempre representa un activo para o desenvolvemento e medre demográfico, así como riqueza forestal, mineira, agrícola e hídrica,... mais estas potencialidades non abondan para compensar o retroceso na povoación do país (porque o esencial é a cuestión da dependencia como nación, da que xa facía referencia Antolín Faraldo na revolución de 1846)

    Esta evolución negativa, en comparación coa contorna, con aquela que ten o privilexio do aceso por mar, é consecuencia do papel subalterno da nosa economía, do lugar secundario que cumpre na escala de valor Daquela a emigración dunha gran parte da mocidade máis formada, e da expatriación do capital, tanto por estar en mans foráneas moitas das empresas máis dinámicas, como polo investimento neto no exterior do aforro. Un sistema que nos hipoteca cada vez máis, é verdade que paseniñamente, de vagar, para que pensemos que forma parte da normalidade e que non nos vai mellor porque non o facemos o ben que debiamos. Quererá mudar esta tendencia Alfonso Rueda, o novo presidente da Galiza, semella que só mellorar a xestión do modelo neoliberal.

    En fin, para alén das melloras técnicas e dunha maior eficacia, que sempre son positivas, estas de pouco valen de manterse o continuísmo, o peso morto da dependencia. Polo tanto, o esencial é o papel que se xoga en cada contexto histórico, a perspectiva política, a iniciativa e teimosía, as alternativas que rematen coa submisión e socialicen a folla de ruta para logralo, aínda que leve tempo, rache rutinas e cree remuíños. O importante é o papel que se ten na escala de valor, e contarmos cunha economía sostíbel e autocentrada, e complementada externamente esencialmente a territorios próximos. Debería axudar que vivimos tempos de cambios no plano político, militar, económico, laboral e social, tamén cultural e ecolóxico. Ficamos nunha conxuntura histórica, e non só pola pandemia e a guerra na Ucraína, de crise sistémica. Tomará nota o novo Governo galego?...

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    19 may 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito