Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un Día da Patria Galega ateigado de simbolismos

    Mais un ano o Día da Patria Galega, o BNG volveu a amosar a hexemonía que ten respecto da mobilización do activismo nesta data festivo-reivindicativa, malia os condicionantes que impón a pandemia do covid-19 e estarmos nun quinta onda extremadamente contaxiosa. As prazas da Quintana e a de Praterías estaban ateigadas, iso si, mantendo as distancias de seguridade con disciplina militante, e mesmo houbo manifestantes que non puideron entrar. Son números que permiten facer unha valoración sobre o estado de ánimo da sociedade galega, máxime cando dende o centralismo fíxose un esforzo tan grande para agochar a data nacional da Galiza, e destacar o aspecto relixioso (o Xacobeo) e a omnipresenza do Rei con desfile militar e avións tinguindo o ceo coas cores da bandeira española.

    Este 25 de xullo deixa moito encol do que reflexionar. Nunca houbo tanto contraste entre a praza da Quintana e Praterías e a praza do Obradoiro. Está última é un espazo enorme na que o Rei, os representantes institucionais, os militares que pasaron revista, e dous centos de persoas, ficaron reflectidos/as diante das cámaras como illados da cidade e da cidadanía galega. Unha barquiña nun océano. Seica por seguridade, segundo os comentaristas. Mentres que na Quintana e Praterías desbordaba: a xente, as bandeiras coa estrela vermella, as consignas e discursos. É verdade que despois nos medios sistémicos o espazo adicado a cada evento sería ben distinto, o que era branco converteuse en negro, mais para quen vise unhas fotos ou uns segundos de vídeo o contraste da participación social non se podía agochar. Se quixeron recuperar un chisco a deteriorada imaxe da Monarquía non o conseguiron, cando menos na Galiza.

    Ademais, por parte de quen tiña capacidade para lle dar un contido máis popular e galego ao acto oficial, subordinouse a conmemoración do Día Nacional de Galiza en relación coa ofrenda do Rei ao Apóstolo, deixando en evidencia a visión colonialista, subalterna que se ten da nación galega, uns/unhas por convicción e outros/as por submisión. Daquela que se iniciase o acto de entrega dos premios “Galicia”, a un colectivo que o merecía sobradamente, co himno español e non co galego, reforzando a constatación de que se quería evidenciar o rol secundario, dependente, a niveis do absurdo, de todo aquilo que nós identifica. Que o Presidente da Xunta Núñez Feijóo na súa intervención utilizase os español e o galego, mais o primeiro que o segundo, clarifica o papel secundario e ritual que ten para o Governo Galego do PP aquilo que nos caracteriza como povo (como nacionalidade).

    A actitude do Presidente da Xunta debe ser de respecto dos representantes das institucións do Estado, mesmo que non estivese dacordo con elas, que non é o caso, mais mudar de lingua e non manifestar unha actitude reivindicativa, tendo en consideración o desmantelamento de boa parte da nosa industria, amosa submisión e complicidade (se cadra porque estaba o Rei?...) Non coido que sen a súa presenza lle fixese esta concesión a Sánchez. Que por certo, anunciou dous logros resesos, un o da chegada do AVE que hai décadas que debía estar finalizado, e outro o da diminución das peaxes que fora acordado entre o BNG e PSOE para apoiar a investidura de Sánchez, e que tardou en levar á práctica malia as protestas dos nacionalistas. Vale, por fin chegaron, é positivo. Tamén se anunciaron investimentos en Compostela, unha “guinda”, que sen medidas que se estendan a toda Galiza, non muda a tendencia demográfica regresiva.

    Neste intre histórico a reclamación central dos galegos e galegas é, como puña o acento Ana Pontón: como se van repartir territorialmente e entre sectores os fundos do Next Generation? Cales van ser as solucións ao desmantelamento industrial e do sector primario? Cando se vai aceptar o carácter plurinacional do Estado?... e a derrogación da Lei Mordaza e da reforma laboral... Disto pouco se dixo nos actos oficiais, e ren se concretou polo Rei, Sánchez e Feijóo.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    29 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito