Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Iago Seara Morales

Por Iago Seara, Arquitecto

Iniciado este Ano Santo a Comisión Europea publicou unha declaración destacando a importancia dos Camiños de Santiago no proxecto de construción europeo. O seu Vicepresidente, o grego Schinás, responsable do diálogo coas comunidades relixiosas, fíxoo neste ano, entre a pandemia e o Ano Santo e coa Catedral Apostólica envolta entre estadas e lonas, lembrando que peregrinos de toda Europa viaxaban por diferentes camiños a Galicia desde o século X atopando nas distintas rutas “un lugar de encontro e convivencia con xente de outros lugares”. Citaba ao Codex Calixtinus para dicir que os camiñantes do século XII “...reuníanse nas rutas de Santiago de Compostela... desde lugares moi diferentes e remotos, perseguindo un obxectivo común e regresaron aos seus lugares de orixe, despois dunha maneira xa como europeos”.

Valería dicir que tal sentimento acougaría, tamén, nos acolledores homes e mulleres que prestaban interese e sorrisos de curiosidade ó velos pasar nun sentido ou noutro levando a esperanza de chegar e trasladar “o sentir de pertenza europea” novo e/ou reforzado. A catedral apostólica acolleríaos e despediríaos ao final do camiño, ben seguro case sempre entre obras de conservación e mantemento, adaptando as fábricas aos novos programas culturais, arquitectónicos ou artísticos ou en obras de loita contra a auga que por capilaridade e gravidade augaba as fábricas e os seus ricos contidos de mobles artísticos ou arquitecturas monumentais de madeira... Traballos entregados a afáns, tamén, como participar no construír permanente da cidade de Santiago, ou desta dándolle novas pegadas ás fábricas da Sé nunha construción recíproca entre sinfonías compositivas permanentemente renovadas.

Neses afáns os obradoiros de cantería, serpenteados na paisaxe da contorna da Catedral ou das cubertas, competían coa creación da “música” dos cuartos e horas da Berenguela e as das campás da torre sur do Obradoiro, música de solemnidades case sempre co fondo da música percutora e sincrónica do ferro de cinceis, punteiros e mazas contra o granito dándolle feitura á pedra, sempre en sintonía coas augas ou coas cores do sol do día.

Levar os sentimentos da construción da Sé e da idea apostólica, obxectivo final e principal, de volta polas rutas e parroquias dos camiños ao resto da península e a Europa era, sen dúbida, unha forma de contribuír á construción dun símbolo, dunha grande idea espiritual materializada nos camiños de Santiago, unha síntese na idealización dunha epifanía: a da ledicia de chegar á Catedral ao final de Europa, punto onde estaba concentrada toda a espiritualidade dun longo camiño e, por tanto, toda a intensidade cultural deste. En definitiva, participar en levar ata o occidente unha grande idea e símbolo espiritual compartido, a idea de Europa ou a fidelización coa mesma.

Schinás fala dunha viaxe colectiva de 1.000 anos “unha arteria pola que circulan persoas e ideas, formas artísticas e un modo de vida por todo o continente”. Iso é exactamente o que valorou en 1987 o Consello de Europa para considerar ao Camiño de Santiago Primeira Ruta Cultural Europea.

Os Camiños de Santiago son, explica Schinás, “unha ruta histórica con profundas raíces espirituais, unha especie de xeografía sacra”. Un espazo, en definitiva, “que favorece o diálogo e a concordia” nunha paisaxe espiritual e cultural.

Esta paisaxe e ambiente, continuado e permanentemente construído, tivo dende 2009, e na síntese que é a Catedral, un exercicio de responsabilidade engadida por parte das administracións implicadas, pero sobre todo polo cabido.

Por mor do Director da Fundación Catedral de Santiago puxéronse de novo, e xa de forma sistemática, afáns e esforzos na conservación e restauración da Sé do Camiño. Un exercicio de responsabilidade na conservación das fábricas e dos seus contidos, tanto de bens mobles como en bens espirituais ou inmateriais. Neste último caso o valor de ter sido esta Sé parte da construción da idea espiritual de Europa, dende o século XX recoñecido ese valor por medio da declaración do Primeiro Itinerario Cultural Europeo e, en 1993, pola UNESCO, ca declaración como Patrimonio Mundial ao Camiño de Santiago e a súa Catedral.

As obras de conservación desta fase, urxentes e imprescindibles, iniciáronse en 2009 no Pórtico da Gloria e marcaron un antes e un despois na metodoloxía apoiadas na ferramenta do Plan Nacional de Catedrais e sobre todo nos estudos previos de Baltar, Bartolomé e Almuíña e, logo definitivamente, e con decisión, no Plan Director da Catedral. A Fundación Catedral de Santiago e as administracións implicadas no convenio, atinan en oportunidade e criterio. Non podería ser de outra maneira. Tiña que ser así, unha acordada feitura e restauración duns fitos recoñecidos con referencia e valor de pertenza á Unión Europea e en resposta á obriga responsable de manter os valores que fixeron posible, e que seguen facendo, a idea espiritual de fondo en Europa e o mundo occidental. Unha idea que para seguir evocándose necesitaba, e seguirá sempre necesitando, compromiso cun valor de pertenza irremediablemente simbolizado na conservación da fábrica catedralicia, cidade histórica e camiños que non será posible sen ter presente o valor de integridade e autenticidade singularmente mantido nos labores de conservación evocadora permanente da idea ou valor dobre: espiritual fondo e material de ser Europa.

Pese a baixa da tensión turística e cultural polo tema do covid19, a participación da paisaxe catedralicia en restauración en medios audiovisuais ten tanta forza en si mesma que non deixa de ser sentida en toda Europa. Este sentimento de pertenza da arquitectura como fito europeo, está vivo, como poidemos apreciar cando o resto de europeos vimos arder a Notre Dame de París, punto de concentración e saída, entre outros, de peregrinos cara á Santiago e punto de referencia de tanta idea espiritual fonda. A súa agulla neogótica, deseñada por Viollet L´Duc, desvanecíase irremediablemente e provocábanos a idea de que con ela caía un anaco do espírito de Europa. Cando o Campanile de Venecia se esnaquizara, a decisión fora restauralo “onde era e como era”. Anos máis tarde, o ardido teatro da Venice recibiu tamén unha restauración estrita. En todos estes casos a idea de Comunidade Europea evocada cultural e espiritualmente neles seguía...

As obras na Sé do Camiño de Santiago, restaurada tan a fondo nestes últimos anos, está instalada no mesmo xeito de participar no mantemento da construción da idea espiritual de Europa. Unha Europa sen o Campanile, sen a Venice, sen Notre Dame ou sen a catedral de Santiago perdería memoria, coa súa identidade e historia lesionada ou incompleta. Tiña, por tanto, que ser e ser así.

17 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.