Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un goce ou padecemento, case relixiosos

    PENSABA Honoré de Balzac que “a novela é a historia privada das nacións” e ata é posible que se acabe por lle dar a razón. O que fan non poucos historiadores é andar na procura e posterior exposición duns feitos que veñan avalar as posicións ideolóxicas propias, ó tempo que axuden a sustentar os prexuízos propios da súa escola.

    É certo que, antes cas palabras, foron as emocións. Tamén é certo que os que contan son os feitos, máis, moito máis, cas palabras. Pero non é mentira que, a un feito, sucédelle sempre unha interpretación e, xusto aí, é onde aboian os historiadores, mesmo os positivistas e diríase que tamén os amantes e defensores da Historiografía.

    O camiño que habitualmente seguen os novelistas, uns máis, outros menos, pero máis que nada aqueles que escriben novelas históricas, adoita seguir unha traxectoria e dar unha versión do tempo que se reflicte na súa novela que non ten moito que ver coa dos historiadores. Esa e non outra é a razón, penso eu, de que sexa máis duradeira a lenda, o mito, e de que estes mesmo senón máis certos acaben por ser máis aceptados, máis certos e ocorrentes que a propia Historia. É por ese camiño, ou nas gabias que orlan o seu transcurso, polo que agroman as vidas privadas das nacións, os seus segredos millor gardados, as verdades máis silenciadas ou contraditas.

    Pra comprender o estado de cousas que conduciu a este país a unha guerra fratricida, cuxas consecuencias aínda perduran, é moito millor botar man do corpus novelístico pertinente –da súa totalidade, incluíndo as novelas que nos describan episodios e vidas diverxentes– antes que os sesudos tratados de historia.

    Posiblemente, todo isto que digo, sexa consecuencia do que poderiamos chamar unha sucinta deformación profesional. É certo. Por non dar razón do que sucedeu en España na ocasión citada, diremos que comprenderemos moito millor o que sucedeu en Santo Domingo en tempos do ditador Trujillo lendo a novela de Vargas Llosa, (La fiesta el chivo, é o seu título) mesmo que lendo as crónicas escritas “a pé de obra” e publicadas nos diferentes medios adscritos ás diversas tendencias no seu momento. Peneiradas esas crónicas polos propios historiadores, non en tódolos casos, pero si na maioría deles, propiciarían a toma en consideración das nosas propias opinións anteriores afirmándonos nelas ou contrariándoas de tal xeito que nos negásemos a admitilas. Pasaou isto e pasou aquilo, si, pero que foi o que o propiciou?

    Pensaba eu nestes extremos a cerca da veracidade das interpretacións sobre o que está sucedendo a diario neste país dos nosos pecados colectivos, mentres escoitaba a entrevista feita a primeira hora da mañá a persoa que era clara candidata a presidir o goberno da provincia na que se inxire a capital de España. Pensábao intentando casar, maridar como se di agora, a vida privada dos madrileños co que afirmaba esa persoa, pero tamén coas emocións que estaba a suscitar no electorado, contrapoñéndoo cos feitos que seica nolo aclararían todo. Misión imposible, cando menos pra min, confésoo. Iso levoume de novo a Balzac outra frase do autor de A comedia humana: “Ás veces falamos moito e dicimos pouco. Pra expresar máis convén pensar máis”.

    Hoxe, sete días despois de ter sido escrito este faldón, xa se saben os resultados das elección celebradas na provincia de Madrid pra dar pé á creación dun goberno autonómico e todo o que se di nel, no “faldón”, poderá ser considerado como pura retórica. Serao? E que será o que permaneza?

    Posiblemente permaneza, ata se alongar no tempo, irremediablemente, a condición esquizoide da sociedade que ha disfrutar ou padecer o resultado electoral unha vez coñecido este. Un goce ou padecemento, case relixiosos, que han explicitamente manifestados unha vez coñecido o goberno resultante; un goberno elixido grazas ás decisións tomadas polos partidos políticos, non se sabe exactamente se en función do que lles insinuou a cidadanía a través duns votos, pero afectados tamén da esquizofrenia reinante no seo da nosa sociedade. Sexa este o que sexa, sexa cal sexa o goberno resultante das eleccións do pasado día catro de maio, a mitade do electorado ha quedar insatisfeita.

    Cismar nestes extremos hai unha semana encollía o corazón. Recordar o que o mandato de Donald Trump significou á convivencia dos estadounidenses e o que o apenas estreado de Joe Biden leva significado ó día da data era algo que non axudaba moito. A que? A que nuns aboiara a esperanza e noutros a apenas contida resignación. Póñanlle os lectores os nomes e apelidos que as súas emocións lles suxiran. A poliomelite social que nos afecta atinxe ás dúas extremidades inferiores pero, como na canción, unha perna tapa a outra. A dereita ignora o que lle pasa á esquerda e viceversa.

    06 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito