Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un hotel no ‘Bottegone’

    Cando Europa, despois da Segunda Guerra Mundial, quedou dividida entre unha área de influencia occidental e aqueloutra soviética, a presenza dos partidos comunistas na primeira foi desigual. Estaban prohibidos polas ditaduras franquista e salazarista e, no caso alemán, por mandato constitucional fronte á condición hexemónica que tiña na RDA; derrotados os comunistas gregos polo troco de cromos entre Washington e Moscou, que non lle deu apoio; desaparecidos de feito no resto da Europa occidental coa excepción de Francia e Italia.

    Neste país, a saída da guerra presentaba uns retos diferentes: amais da necesidade de reconstrución, cumpría encarar a desaparición do fascismo e mais o papel da monarquía, cómplice ou claudicante do réxime de Mussolini. Vitoriosas as forzas resistentes coa axuda aliada, democristiáns e comunistas defenderon a opción republicana. Os segundos, por convicción ideolóxica; os primeiros porque a Igrexa -daquela con Pío XII- non esquecía o papel dos Savoia na redución dos territorios papais á Cidade do Vaticano, dentro de Roma.

    Os comunistas pasaron a xogar o papel dirixente da Italia laica, fronte a aquela que obedecía ao Vaticano e que pretendía perpetuar os privilexios dos poderosos. Foi en 1946 cando un potente PCI mercou por trinta millóns de liras un edificio do centro da cidade situado no número 4 da Via delle Botteghe Oscure, construído no solar que quedara despois da demolición dunhas construcións pertencentes á familia Margani. Tratábase dun edificio único, cun corpo de base revestido en pedra, cun primeiro andar, e catro alturas máis, con fachada de ladrillo visto, cun estilo moi romano.

    Curiosamente, apenas a cen metros, na piazza del Gesù, canda a emblemática igrexa dos xesuítas, estivo a sé central da Democrazia Cristiana. Non foi por casualidade que o cadáver de Aldo Moro apareceu na via Caetani, na proximidade dos edificios de ambos partidos.

    A contundencia do edificio levou -con esa graza que os italianos teñen para os aumentativos agarimosos- a que fose alcumado coma Il bottegone. Amais dos diversos departamentos do partido, no andar superior houbo un pequeno apartamento, que compartiron Palmiro Togliatti (secretario xeral entre 1927 e 1964) e Nilde Iotti, vinte e sete anos máis nova, estando el aínda casado con Rita Montagnana, o que supuxo un escándalo no seo do PCI.

    A traxectoria do PCI -co sindicato CGIL ao seu carón- entre 1946 e 1990 xerou unha cultura de seu que axudou á emerxencia doutros referentes ideolóxicos alternativos. Pero o abandono do dogmatismo -non o conseguiron outros partidos comunistas- non foi obstáculo para conservar a forza da militancia. Nos chamados “anos de chumbo” o edificio do 4 de Botteghe Oscure foi vixiado de forma permanente por afiliados comunistas, pola desconfianza perante posibles infiltracións na policía.

    A sé do PCI foi vendida recentemente á Associazone Bancaria Italiana, unha vez que o partido se transformou en Partito Democratico e Democratici di Sinistra despois. Días atrás, a prensa anunciaba que unhas sociedades financeiras pensan abrir nel un hotel de cinco estrelas, con restaurante e terraza. Os promotores teñen previsto restaurar o edificio e conservar diversos elementos históricos, entre eles o busto de Antonio Gramsci situado na entrada, a estrela que no chan colocou o escultor Giò Pomodoro ou unha bandeira da Comuna de París.

    Na miña etapa coma responsable de Relacións Internacionais da Entesa dels Nacionalistes d’Esquerra -que en 1987 converxeu co PSUC en Iniciativa per Catalunya- escribín diversas veces á sé da via delle Botteghe Oscure. Cando en 1989 asistín ao congreso de Roma no que o PCI, con Acchille Occheto á cabeza, trocou nome e estrutura, non me acheguei a visitar a sé por non ter tempo dabondo (os delegados invitados estabamos aloxados preto de Fiumicino). Conformeime con ir á libraría do xornal comunista L’Unità tiña nunha travesía da Via del Corso. Leváronme o secretario xeral do PSUC e presidente de IC daquela, Rafael Ribó, e a súa muller.

    Obviamente, naquel amplo local había todo tipo de literatura política pero por preguiza de andar a procurar algo, optei polo seguro e merquei, en edición de Garzanti, os tres volumes da Commedia de Dante Alighieri e mais o Canzoniere de Francesco de Petrarca.

    Joaquim Ventura

    21 jun 2022 / 01:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito