Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un tema de actualidade, poder e hexemonía (segundo Gramsci)

    Antonio Gramsci naceu na Sardeña no ano 1891. Primeiro foi militante socialista, e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Foi deputado polo PCI (ano 1923), membro da dirección do partido, e dende 1926 secretario do mesmo ao triunfar súas teses no congreso de Lyon. Detido no ano 1927, perante a ditadura fascista de Musolini, permaneceu en prisión até poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea sería sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte das súas análises e reflexións foran realizadas nesta etapa da súa vida, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.

    María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente” destaca que Gramsci valora que a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por medios coercitivos, senón ademais coa súa visión do mundo, é dicir: unha filosofía, unha moral, uns costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases subalternas”. Polo tanto cando analiza a realidade italiana non só estuda a estrutura económica e política, e a súa incidencia sobre a sociedade, senón que ademais valora como e quen transmite a ideoloxía dominante. Vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que é unha cuestión fundamental para as forzas que loitan polo cambio.

    Porén, que é a superestrutura? Gramsci considera como tal, ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, o que denomina a “sociedade civil”. Esta última abrangue a escola, os medios de información, a Igrexa, etc, que desempeñan funcións na construción da hexemonía. A “sociedade civil” ten unha grande importancia na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida. Polo tanto, segundo Gramsci, non abonda con ter maioría política nas institucións, nen impulsar coa toma do poder un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía do bloque hexemónico derrotado electoralmente mantén unha forte incidencia social. Isto dálle moita capacidade para mudar a correlación de forzas, ao aproveitar as contradicións entre a nova situación económico e social é as ideas tradicionalmente dominantes.

    Nos “Cadernos de Cárcere”, Gramsci definiu con claridade a súa concepción sobre o “bloque histórico” do seguinte xeito: “A infraestrutura e as superestruturas forman un bloque histórico (hexemónico), ou sexa que o conxunto complexo, contraditorio e discorde das superestruturas é reflexo do conxunto das relacións sociais de produción”. No bloque histórico, infraestrutura e superestrutura están nunha dependencia estreita dun conxunto que Gramsci chama “forzas materiais e ideoloxía”. Polo tanto para Gramsci o poder é exercido en cada momento polo Bloque Histórico non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social dominante.

    Para tempos de crise como o actual, na que o sistema reflicte as súas debilidades, coa desfeita ecolóxica, a escaseza de recursos, o auxe da violencia e especulación, e ofrece como saída un duro axuste do reparto do traballo e do poder entre clases e nacións, son de moito interese as reflexións que nos fai Gramsci. Tanto respecto da relación entre infraestrutura e a superestrutura, así como no relativo á hexemonía, e porque se debe apostar pola “guerra de posicións” fronte á “guerra de movemento”, utilizando o símil militar para estratexia política. Gramsci inclinase por esta estratexia “de conquista lenta e progresiva das trincheiras inimigas”. Xa que el tiña o convencemento de que a sociedade civil (na Europa occidental) é unha estrutura moi complexa que resiste os estoupidos máis fortes das crises e recesións económicas, polo que a superestrutura representa para a sociedade civil o que son as trincheiras para guerra moderna. Tendo en consideración a fragmentación e debilidade da esquerda cando toca governo, e non só en Europa, vexase o que acontece en América Latina, as análises e contribucións de Gramsci sobre o poder son de moita actualidade. Trátase dunha critica moi fundamentada ao electoralismo, que esquece o pretende substituír ou colocar nun plano secundario aos partidos con ampla base militante así como a un forte e consciente protagonismo popular.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    16 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito