Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha celebración controvertida

    O aniversario da Constitución Española de 1978, coa que se quixo abrir unha nova etapa superadora da guerra civil e da ditadura franquista, é aínda unha celebración controvertida. Xa que seguen abertas moitas feridas por mor da guerra e represión posterior, que se quixeron pechar cun carpetazo, e ademais o Estado das Autonomías e os dereitos laborais e sociais están aínda lonxe da satisfacer un chanzo mínimo das reclamacións de sectores importantes da povoación.

    O recoñecemento das nacionalidades históricas nos estatutos de autonomía, que implicaba aceptar o carácter plurinacional do Estado Español, ficou nunha concesión para saír do atranco do momento, e non se plasmou nas revisións da Constitución, e no blindaxe das competencias das nacionalidade históricas e da súa capacidade para decidir seu futuro (por exemplo: un Estado Confederal). Na práctica, que é o que importa, o perverso proceso de concentración da economía e do poder non perdeu puxanza, malia que a integración na Unión Europea e a transferencia de competencias a esta afirmábase dende os partidos sistémicos que implicaría un cambio de tendencia. Unha valoración incorrecta (casual?) que deixou en evidencia que a globalización (neoliberal) é consubstancial coa centralización e concentración, tanto no referente ao ámbito territorial como entre clases sociais. Analícese a distinta evolución de Galiza e Madrid, ou as reivindicacións da “España baleirada”.

    Outro tanto pódese dicir respecto da disxuntiva entre Monarquía e República. Un debate necesario, mais que se furtou unha e outra vez á sociedade, con todo tipo de escusas, cando se trata dunha cuestión transcendental no contido e nas formas. Xa que, para alén do carácter simbólico do Rei en moitos aspectos, o certo é que en situacións decisivas ten un protagonismo que non se pode ignorar, con posturas centralistas e conservadoras que atrancan a igualdade, porén tamén o debate político. Un exemplo témolo na súa intervención institucional cando se declarou anecdóticamente por segundos a independencia en Cataluña (unha escenificación que custou intervención, represión, detencións, condenas,... quíxose dar un escarmento).

    Non se pode negar que a reforma desta Constitución permitiu avanzar en dereitos democráticos individuais que eran unha débeda social, como o recoñecemento da diversidade de xénero, a legalización do aborto, etc... porén non foi o instrumento, nen a base, para avanzar na xustiza social, abonda con ollar as porcentaxes de desemprego, precariedade, a desigualdade... a desertificación do rural, o amoreamento urbano, a destrución da natureza, o retroceso das culturas e linguas das nacións dependentes (como Galiza). A cada período de mornos avances laborais seguiron outros de fortes retrocesos, todos amparados pola Constitución. Hai quen lle bota a culpa á competencia con outros países e entre autonomías e aos avances tecnolóxicos. Mais, no primeiro caso serviu para xustificar os inmensos beneficios das corporacións, e no segundo obviase que tanto pode estar ao servizo das clases subalternas como dos poderosos, xa que non son máis que un instrumento. A Constitución non garantiu nestas catro décadas unha distribución xusta do traballo e dos ingresos.

    E, por último, tampouco a Constitución do 78 significou un muro a prol da paz entre os povos e a solidariedade. A entrada na OTAN, que se consolidou plenamente despois da caída da Unión Soviética, non fixo máis que reforzar a hexemonía dos bloque imperialista en todo o mundo, especialmente en relación cos países pequenos ou débiles. Hoxe as constantes manobras nas fronteiras de Rusia, botan lume a unha confrontación que, tendo intereses económicos e de poder, pode terminar dando un susto á humanidade. En resumo. Unha Constitución de todos e todas, da xustiza, da democracia, da igualdade, da soberanía do povo, aínda está por redactar, e dubido moito que a actual serva de base. En todo caso, son tempos complexos, que auguran máis cambios dos que moitos esperan e desexan,... transformacións que non serán exclusivamente tecnolóxicas.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    08 dic 2021 / 12:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito