Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha crónica catalá do conflito con ETA

    Días atrás escribía neste recuncho sobre as dificultades de harmonizar as diversas verdades que deberían acompañar a solución dos conflitos armados que convencionalmente denominamos terrorismo. Moi especialmente cando os que empuñaron as armas tiveron o apoio dunha parte da sociedade. A obtención dunha nova situación que supuña a eliminación da violencia non é empresa doada e por iso cómpre que os gobernantes saiban manobrar con habelencia para acadar o obxectivo con dúas perspectivas, á miña maneira de ver: o respecto ao estado democrático e mais a salvagarda dos lexítimos dereitos das vítimas.

    Pero nos necesarios contactos e negociacións que calquera solución require, hai actuacións que esixen discreción e, fundamentalmente, devasas que impidan que os gobernantes visibles poidan resultaren queimados. Moito disto aparece na crónica de Antoni Batista, xornalista e profesor catalán especializado nos conflitos de ETA e do IRA, ETA i nosaltres (‘ETA e nós’), publicada pola editorial Pòrtic. Un plural que faría referencia a Cataluña e aos cataláns pero que ben axiña queda circunscrito á súa experiencia persoal durante anos de achegamento e estudo ao fenómeno da violencia no País Vasco, e á súa intervención ocasional na solución do mesmo e das súas consecuencias.

    Nese senso, e formando parte do persoal de confianza do president Pasqual Maragall, tivo ocasión de aportar os seus coñecementos e os seus contactos para que o goberno de Madrid, con Alfredo Pérez Rubalcaba na ponte de mando, fixese posible que ETA cesase na violencia e anunciase a súa disolución.

    Desde a Generalitat houbo xestións desde o restablecemento da institución, cando Josep Tarradellas –que sempre desconfiou dos nacionalistas vascos- reuniuse en Perpiñán en 1978 con Txomin Iturbe (daquela o principal dirixente de ETA), Jesús María de Leizaola (lendakari no exilio) e Telesforo Monzón (deputado por HB), operación feita con coñecemento do rei, de Adolfo Suárez e de Felipe González. Xa gobernando Jordi Pujol e sen que este fose informado por preservalo, o conseller Macià Alavedra manobrou con diversas complicidades (desde a esquerda ata o COI e o Vaticano) para que ETA non atentase contra os Xogos Olímpicos de 1992. E unha terceira, co tripartito de esquerdas acabado de formar, cando Josep Lluís Carod-Rovira entrevistouse en Perpiñán coa dirección de ETA, nunha operación que evidenciou un flagrante erro de oportunidade, malia a consideración benévola que Antoni Baptista lle da.

    O certo é que por activa e por pasiva, Cataluña tivo un protagonismo importante na actividade de ETA. Se con Franco aínda vivo mantivo un comando dedicado a atracos (un membro del foi Juan Paredes Manot Txiki, un dos fusilados en 1975), en democracia houbo unha estrutura case permanente que provocou algúns dos peores atentados (Hipercor, Vic, Sabadell, Ernest Lluch). Tamén avogados cataláns defenderon a etarras, como Josep Solé Barberá (do PSUC) no proceso de Burgos ou os meus amigos Magda Oranich e Marc Palmés, defensores de Txiki.

    Pero tamén houbo participación catalá na organización armada. Así, o caso de Carlos Lucio, que Batista non cita. Nacido en Ribadeo, de neno marchou coa súa familia a Portugalete. Xa mozo, trasladouse a traballar a Cataluña (ao Vallès) a traballar e afiliouse á OIC, desde onde pasou a tamén ilegal OC Bandera Roja. Cando esta expandiuse no País Vasco, Lucio foi enviado e tempo despois ingresou en HASI e saltou a ETA, resultando morto pola Garda Civil en 1980. Outro catalán que formou parte de ETA foi o antigo membro de Terra Lliure Joan Carles Monteagudo. Despois de participar no atentado contra a casa-cuartel da Garda Civil en Vic en 1991, resultou morto polas forzas do orde que o perseguiron. Coñecín a Lucio pola nosa común militancia en BR e a Monteagudo cando entrou de mozo no banco onde eu traballaba.

    Este libro de Antoni Batista pecha unha traxectoria de outras nove publicacións sobre o tema. Por el desfilan anécdotas, circunstancias insólitas, outras non sempre ben coñecidas, outras dolorosas, que axudan a entender –nunca a xustificar- o que foron aqueles anos de chumbo. Un tempo que esixiu con frecuencia sangue frío, discreción, tragar rodas de muíño e articular estrañas complicidades co obxectivo da paz. E Antoni Batista coñeceu moitas delas.

    Joaquim Ventura

    01 dic 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito