Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha de piratas

    Cando os pobos conforman cadansúa historia tal proceso non sempre é inocente. Dunha banda, porque hai unha tendencia (lóxica) para esquecer aqueles aspectos que non resultan favorables á hora de debuxar o perfil nacional. Doutra, se esa construción se fai dentro dun conxunto, daquela aparecen dos riscos: enmascarar certos feitos por elevación e redución, e impoñer o discurso hexemónico por riba da realidade plural.

    Un deses esquecementos, neste caso referido a Cataluña e a outras terras veciñas, é o da presenza da piratería -pasiva e activa- ao longo de moitos séculos. E neste caso danse as dúas circunstancias que antes sinalei para que o feito fose afastado da memoria colectiva. Así, mentres a historiografía española oficial ignorou sistematicamente o papel protagonista dos cataláns e dos outros pobos da vella coroa aragonesa, os estudos de historia feitos desde Cataluña non sempre salientaron a súa condición de terra violenta.

    Agora temos acceso á importancia que tivo a piratería nas costas mediterráneas grazas ao estudo Catalunya, terra de pirates, de Sylvia Lagarda-Mata (Angle Editorial). Esta obra é unha recolleita de feitos históricos e lendas e non tanto un ensaio académico, se ben incorpora moita información sobre o asunto. E nese senso, salienta que a presenza de piratería xa estivo presente en augas mediterráneas desde a Antigüidade. De feito, unha boa parte dos gregos focios que colonizaron as terras occidentais (Marsella, Roses) foron piratas que se estableceron en terra.

    Coa presenza musulmá no norte de África e a vella Hispania (ao cabo, a expansión árabe buscaba rivalizar co dominio de Bizancio), o control do mar pasou a ter un elemento de identidade relixiosa. O que na historiografía medieval pasou como campañas navais, moitas veces foron simples accións de piratería en realidade. Amais da obtención de botíns materiais, un obxectivo dos ataques piratas era o apresamento de persoas para escravizalas (e vendelas) ou telas de reféns ata que alguén pagase o correspondente rescate.

    Os primeiros que en Europa exerceron esta forma de comercio brutal foron os escandinavos, tanto de cara á Europa interior como ao longo do Atlántico, sen distinción de crenzas ou costumes. A conformación dos seus barcos facilitáballes a penetración remontando os ríos (no caso do Ebro, chegaron ata Pamplona, saqueando Tortosa e Zaragoza polo camiño).

    Foi así entre o comezo da Baixa Idade Media e o século XVII e en todas as direccións. Con todo, da importancia do apresamento de persoas é mostra a formación da orde dos mercedarios, fundada polo barcelonés Pere Nolasc co concurso do rei Xaime I. Aquela primeira tarefa de obter fondos para rescatar cativos -ou non intercambiarse por eles, a maneira de autorefén- transformouse co paso dos anos nunha descentralización, que permitía que nas localidades costeiras que tiñan naturais escravizados en Alxer, os seus achegados recadasen cartos con autorización eclesiástica para pescar en domingo, por exemplo.

    Da importancia dos ataques piratas son mostra as torres de observación situadas ao longo da costa desde Almería ata á Camarga, con especial concentración en terras catalás. Pero do mesmo xeito, Lagarda-Mata indica que moitos destes piratas eran, en realidade, corsarios, é dicir que operaban coa protección de un goberno, moitas veces para disputarlle riquezas a países adversarios. E foi así desde os anos de esplendor de Alxer (daquela coa protección do Sultanato otomán) ata os anos, xa entrados no século XVIII, de rivalidade entre franceses e británicos no Mediterráneo, estes desde as súas bases en Xibraltar e Menorca.

    Non esquezamos que no século XVI, a cidade de Alxer era a máis cosmopolita do Mediterráneo, tanto pola riqueza que xeraba o comercio de escravos como pola procedencia diversas de estes. Para salvar cadansúa pel, moitos escravos aceptaban a conversión ao islam e pasaban á condición de renegados. Había quen se establecía en Alxer ou quen se dedicaba á piratería, coñecedores como eran das súas terras de orixe.

    Séculos despois, algúns empresarios marítimos cataláns non tiveron escrúpulo ningún en dedicarse ao comercio de escravos procedentes de África para alimentar a industria cubana. E nesa empresa houbo tamén concurso de capitais españois de moi alto nivel.

    Joaquim Ventura

    16 sep 2021 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito