Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha débeda con Afganistán

    DESPOIS de vinte anos de guerra, EE. UU. deixou Afganistán. O seu obxectivo era evitar que o país exportara terrorismo contra eles e contra todo ser vivinte, pero o resultado final foi desastroso. A imaxe dun home caendo ao baleiro dende o exterior dun avión no que ía agarrado para escapar dos talibáns, pouco despois de despegar do aeroporto de Kabul, é estremecedora. Confiábamos en vos, pero nos deixastes tirados –debeu pensar antes de caer–.

    O gran error dos exércitos é crer que dominio militar é sinónimo de liderado. En Kabul estableceuse un Goberno monicreque que parecía mandar en Afganistán pero, agás na capital, tiña moi pouca influencia no resto do país.

    Acordar a retirada das tropas o 31 de agosto, sen condicionala ao respecto dos dereitos humanos, é un claro incumprimento dos compromisos adquiridos cos afgáns que decidiron colaborar con EE. UU. para mellorar as condicións de vida dos seus connacionais e, especialmente, das mulleres.

    A decisión, probablemente, non foi intencionada, pero as consecuencias son aterradoras. Os afgáns que tendo colaborado con EE. UU. –como intérpretes ou facilitadores do coñecemento da cultura e outras cuestións clave do país– e non puideron fuxir, están agora expostos ás represalias por colaborar co inimigo. E, iso, por aspirar a un Afganistán soberano, aberto a todos sen exclusión, oposto á visión dos talibáns.

    Como se pode permanecer tranquilamente en Kabul poucos días antes da retirada, crendo que todo ía sobre rodas, cando o certo era que os talibáns ían a recuperar o poder en dez días sen despeitearse?

    Durante vinte anos, é certo, Afganistán progresou moito. Mentres no ano 2001, 87 nenos morrían antes dun ano por cada 1.000 nados e 124 antes dos cinco, no 2018 baixaron a 46 e 60 respectivamente. E as mulleres que morren no parto pasaron de 1.450 por cada 100.000 no 2000, a 638.

    No eido educativo, en dous anos a escolarización das nenas pasou dun 0% a un 78% (ano 2003), chegando ata o 83% no 2018. A máis, a rede de estradas aumentou 50.000 quilómetros e o acceso da poboación á enerxía eléctrica pasou do 6% ao 84%.

    Pero coa chegada dos talibáns ao poder, as mulleres –despois de gozar vinte anos da liberdade– deberán volver a meterse nun burka, non poderán volver a saír soas á rúa e serán expulsadas das escolas e moitos traballos.

    O comportamento de España neste desastre foi loable, poñendo a dispor un sistema de acollida para os afgáns que conseguiron escapar. Pero Occidente ten unha gran débeda con Afganistán. É preciso abrir as portas a quen a súa vida corre agora mesmo perigo alá, así como seguir investindo no país esixindo –claro está– o respecto dos dereitos humanos.

    11 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito