Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha lingua posta ó servicio da convivencia

    NO Libro Terceiro dos seus Ensaios, máis concretamente no seu capitulo segundo, escribe Montaigne o que me permito reproducir de contado: “A lingua latina é como a miña nativa, enténdoa millor ca o francés; sen embargo hai corenta anos que non me sirvo dela, nin pra falar nin pra escribir. Aínda así nas emocións, súpetas e extremas, que me conmocionaron dúas ou tres veces en toda a miña vida –unha, cando vin ó meu pai, san de todo, virse embaixo enriba miña esvaecido– as primeiras palabras que aboiaron sempre das miñas entrañas foron latinas. A miña natureza florecía e se expresaba á forza e facíao en contra dun longo hábito”.

    Hoxe aínda hai escritores ós que lles sucede co galego o mesmo que lle sucedeu a Michel Eyquem, señor de Montaigne, co latín e que, logo de falar e de escribir en castelán todo ó longo das súas vidas, chegado o momento das verdades, o galego lles aboie dende o fondo das súas consciencias. Pero é de temer que, un ano tras doutro, cada vez sexan menos os que, chegados a esas emocións, extremadas a súpetas, as palabras que lle xurdan do fondo das súas entrañas sexan as que aínda o son pra moitos. Ó galego, coma ó latín no seu momento, estalle a suceder o mesmo: é un idioma cabal, quen de axudar a expresar ás mil convulsións que a cada hora pode sufrir a conciencia humana, é dicir, quen de facilitar a escrita dunha gran literatura... carente de lectores.

    Non estou seguro do que vou dicir, pero o certo é que sospeito que o problema da nosa lingua non estea na nosa literatura, nin na nosa lingua unha vez posta esta ó servizo daquela, unha vez posta ó servizo da literatura, senón na conciencia lectora dunha cidadanía totalmente privada dos incentivos necesarios a tal respecto.

    Hai trinta anos chamabas por teléfono a unha oficina dependente da administración pública e, se lle falabas en galego, indefectiblemente respondíanche en galego. Hoxe isto xa non está sendo así. Esa mínima deferencia pra co contribuínte –que o feito de repetilo, será unha estupidez pero desgraciadamente segue sendo necesario– desapareceu case que por completo; aínda peor, ás veces intúese unha certa deleitación, na voz do ou da funcionaria, un medio e contido sorriso de compracencia e dominio, que, cando menos no meu caso, acaba por resultar cando non insultante si molesta.

    A lingua debe ser posta ó servizo da literatura, ó servizo da convivencia, pero non da política e moito menos da política cultural. Nin nun sentido nin noutro. O uso do castelán en Galicia non está en retroceso, moito menos en franco retroceso; millor dito, non está en ningún retroceso senón que, ben polo contrario, está en franco aumento. Sostelo e/ou potencialo non é responsabilidade das institucións públicas galegas senón máis ben das de carácter e condición estatais.

    Cando Abilio Bernaldo de Quirós, daquela director xeral da CRTVG, propuxo no Parlamento de Galicia que o cincuenta por cento da programación da radio e de televisións galegas fose en castelán, os dous grupos parlamentarios maioritarios na cámara mostráronse de acordo coa medida. Entón houbo quen chamou a Madrid pra se despedir da pertenza ó grupo da oposición parlamentaria, aludindo á causa que o motivaba. Recibiu unha resposta contundente que o manteo no grupo: “Pra que queredes unha RTVG en castelán? Pra iso xa están a TVE e maila RNE!”. A obsecuencia é un dos nosos maiores males colectivos. Xa poden botarnos enriba canto queiran que nós responderemos coma bois mansos, ás veces coma cabestros que axuden á tourada ó retorno ás cortes, dito e entendido sexa sen a menor intención pexorativa.

    É certo que as linguas, coma as persoas, nacen, medran, reprodúcense e morren; unhas veces nacen produto que son dun parto distócico; logo, medran raquíticas se non son ben alimentadas; máis tarde, reprodúcense malamente (non é o caso da nosa: véxanse o portugués e mailo brasileiro) e mesmo morren de morte morrida, unhas veces, e de morte matada noutras ocasións.

    Non deixemos que a nosa, abaneada que está sendo por emocións, súpetas e extremas, que a axitan e extenúan, acurte o transo final como lle aconteceu ó latín. A democracia tróuxonos ferramentas e institucións propias pra que, sen facer dano a ningunha outra nosa realidade lingüística, lle insuflemos os alentos dos que precisa. Son as institucións públicas galegas as chamadas a encabezar e dirixir o mantemento da nosa realidade cultural, logo de que esta sobrevivise por si mesma ó longo de séculos enteiros.

    Non quixera ser eu o gobernante que, pasado o tempo, vise o seu nome lixado polo verme dunha indiferenza exhibida durante toda a súa gobernación e malia que el non vivise xa tal e oprobiosa realidade, pero si os seus descendentes, sen dúbida ningunha.

    07 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito