Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 26 noviembre 2020
01:00
h

Unha morte evitábel

    O suicidio de Rosario Porto no cárcere de Ávila foi evitábel e constitúe unha grave neglixencia da administración penitenciaria do Estado, que fracasou de vez no coidado e tratamento desta persoa interna ao longo dos sete anos e dous meses que botou presa nos cárceres de Teixeiro, A Lama e Ávila.

    Porto foi condenada a 18 anos de privación de liberdade polo asasinato da súa única filla. Gutiérrez Aranguren, o seu avogado, desenvolveu un rigoroso e documentado traballo, malia que os Tribunais confirmaran en último de contas a súa condena. Mais a pena era esa, 18 anos de privación de liberdade. Na condena non ía o afastamento da presa de Galicia e dos seus únicos tres apoios (avogado, psiquiatra e psicóloga , todos con exercicio profesional na Coruña ). Non ía nesa pena descoidar o tratamento médico dunha persoa que padecía doenza psiquiátrica dende antes de ser acusada da morte da sua filla. A condena incluía a obriga de cumprir a normativa penitenciaria, mais non a obriga de se recoñecer culpábel nin de transitar polos cárceres sen reivindicar os pouquísimos dereitos que lle cumpren a unha persoa condenada.

    E velaí o cerne da cuestión. Dende o seu ingreso como preventiva a administración penitenciaria estatal soubo da doenza de Porto. Cumprindo a súa condena tentou pór remate á súa vida dúas veces. E estes tentamentos determinaron a remuda do cárcere . De Teixeiro á Lama e da Lama a Ávila.Da segunda vez, Porto foi transladada en poucas horas a 500 kms da súa contorna , sen lle permitir mesmo nin levar as súas pertenzas e sen avisar ninguén. Sen recurso ningún , como non o hai nos centos de arbitrarios translados que decide a administración penitenciaria estatal.

    En Ávila, Porto botou só oito meses. Ten xustificación neste tempo, sinalado polo illamento penitenciario xerado pola pandemia, quitarlle a unha doente psiquiátrica, candidata reiterada ao suicidio, a protección que lle deron nos cárceres galegos? Se xa estaba mellor, porque non a trasladaron a Galicia, país onde tiña as súas raíces e onde tiña os únicos vencellos que lle unían a este mundo:avogado, psicólogo e psiquiatra?

    Nos cárceres hai persoas. Pagan débedas coa sociedade e coas vítimas. O obxectivo deses cárceres é a súa rehabilitación para a vida en liberdade. Máis de xeito ningún se lles poden impór castigos adicionais como recoñecer un delicto que negan , impedirlles o exercicio dos dereitos suspendidos pola sentenza ou facerlles cumprir condena lonxe da súa Terra.

    Isto vale para calquera persoa presa, sexa cál for o seu delicto.

    21 nov 2020 / 20:27
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito