Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha reforma necesaria

    O acordo alcanzado in extremis polo Goberno, a patronal e os sindicatos foi unha das grandes novas de finais de ano. En primeiro lugar porque de non cumprise o compromiso adquirido coa Unión Europea para simplificar os contratos laborais para diminuír a temporalidade antes de rematar 2021, o acceso ás axudas do Plan de Recuperación tíñase bloqueado. E, sobre todo, porque a reforma intenta modificar unha eiva estrutural do mercado laboral español que non ten parangón en Europa.

    No 2020 España foi o país da Unión Europea coa taxa máis alta de traballadores temporais da Unión Europea, cun 24,7% fronte á taxa media do 13,6% (Eurostat). Os datos do que sucede cada mes en España facilitados polo Servizo Público de Emprego axudan tamén –e moito– a visibilizar polo miúdo o que está a pasar. Así, por exemplo, a duración media dos 2.021.546 contratos asinados en novembro do 2021 foi de 52 días, e un de cada catro tivo unha duración inferior a unha semana.

    Xunto con isto, o número de traballadores pobres en España ascende ao 13%, entendendo por estes aos que, a pesares de ter un emprego, non chegan a cubrir as súas necesidades básicas e das súas familias. Todo isto explica a necesidade de dar unha volta de temón ao modelo de mercado laboral existente ata o de agora. Non só polos 70.000 millóns do Plan de Recuperación que estaban en xogo, senón por motivos éticos e de equidade.

    Aínda que a reforma non supón un cambio radical, pode converterse nunha ferramenta moi útil. Sobre todo, porque foi consensuada cos axentes sociais. De non ser así, nacería morta, pois as leis –por si mesmas– non inciden necesariamente na realidade. Cuestión distinta é cando son asumidas como algo positivo e axudan a crear unha nova mentalidade naqueles a quen van destinadas.

    A redución e a mellor delimitación das causas dos contratos temporais, asumida por todas as partes, é un gran paso, pois estes moitas veces utilizábanse para outros fins. Igual que o aumento das sancións, que prevén multas de ata 10.000 € por cada contrato irregular, en vez dos 8.000 € actuais pola suma de irregularidades cometidas nunha empresa.

    Por outra banda, a prevalencia dos convenios sectoriais sobre os de empresa imposibilitará a redución dos salarios pactados a nivel sectorial. E ao mesmo tempo que a continuidade da posibilidade de modificar as condicións de traballo manterá a flexibilidade nas empresas, a ultraactividade dos convenios recuperará o equilibrio da negociación colectiva.

    Os resultados desta reforma non serán inmediatos, pero conformarse co panorama que producía o modelo anterior, sen plantar cara á precariedade, era o peor que se podía facer.

    21 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito