Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha síntese do que non somos ou do que non fomos

    ENTÓN non había Escola de Comercio en Pontevedra, en Ourense si. Os que cursa-ban estudios nela aprendían inglés, algo de inglés, mentres que os que faciamos o bacharelato nos aplicabamos co francés. Éramos máis señoritos. Daquela un hortera
    era un dependente dunha tenda de tecidos e novidades e a expresión prêt à porter
    aínda non se impuxera; ou sexa, que pri-meiro tiñas que ir tomar as medidas ó xastre e, antes ou despois, pasar pola tenda de tecidos pra te facer cun bo corte, de ser
    posible barato. Aínda recordo, xa con ad-
    miración, descubrir as vendas a prazos;
    pero iso foi xa en Pontevedra.

    Os de Ourense afixémonos axiña ó que procedía da doce Francia, mentres que os de Pontevedra amamos antes a música dos Beatles. Pronunciabamos James Cagney debidamente mentres que en Ourense o diciamos XamesCoñei, así todo seguido. Quen di que o mundo non ten fronteiras?

    Ouh, Xamescoñei, o do Oscar por Yanqui Dandy; o fenómeno do Un, dous, tres, a película dirixida por Billy Wilder, e de tantas outras! Pero os de Ourense aferrabámonos a Francoise Hardy e cantabamos aquilo de “tous lles garçons et les filles de mon âge se promènent dans la rue deux par deux, tous les garçons et les filles de mon âge savent bien ce que c’est d’être heureux. Et les yeux dans les yeux et la main dans la main, ils s’en vont amoureux”. Paro que se non póñolla enteira e o mesmo me poño eu a cantala.

    Así saín eu, debaténdome sempre entre dúas realidades. Como dirimir cal era a millor, cal a máis óptima e conveniente? Conveñamos en que decidín amar ás dúas. O Ourense que optaba pola lingua da diplomacia e a da cultura e a Pontevedra que o facía pola dos comerciantes e banqueiros: hoxe Ourense é a terceira cidade de Galicia e Pontevedra é, coma Cambados, fidalga e soñadora, plácida e paseable no seu casco antigo, intransitable en automóbil, sorprendente se un entra nela sendo noite e a ponte do Burgo está chea de cores así coma de discoteca ou puticlú, según opcións e preferencias.

    Son unha feitura desas dúas cidades. Ó final en Ourense un coche é un futingo porque a publicide dos Ford T era “foot it and go” e iso era o que os nosos indianos nos traían, mentres que en Pontevedra un chomino é o que é porque cando os barcos ingleses ían a Vilagarcía de Arousa, ó estar atracados no peirao, as piruxas acudían levantándose as saias pra amosarlles os seus atractivos os mariñeiros, estes berraban entolecidos nada máis velas chegar: “Show me now!”, “Show me now!”. Pois iso. Ó final somos todos unha síntese non se sabe se do que non somos ou do que non fomos. Eu tamén, claro.

    A pregunta é a de como serán os rapaces de hoxe cando cheguen a altura dos meus anos se é que o mundo non rebenta antes e a vida lles permite chegar a eles; este mundo de fake news no que “america’s great again” mentres os demais andamos a chorar a Maradona.

    Levo visto e escoitado algunha que outra reportaxe sobre este ser considerado o “máis humano de todos os deuses”, todas elas recitadas mentres nas pantallas se nos ofrecían unha ducia de goles da súa factura, conseguidos logo de caneos prodixiosos –en Ourense diciamos canear, en Pontevedra driblar, en castelán regatear– a penas un par de minutos de grandes goles, de prodixiosos, milagrosos goles, a verdade é que se diría que se non divinos, si tocados pola man dun anxo. Pero iso, exactamente iso, é o resume da súa vida. Iso o único prodixio que nos lega. Non é pouco, certamente.

    Pero o resto son drogas e alcohol. O máis do seu tempo consumiuse nos malos tratos e nas prepotencias, nos caprichos e nos antollos propios dun ser que pasou colgado de si mesmo máis tempo do necesario como pra que agora un país enteiro garde por el un minuto de silencio. Como é, porque é esta ocultación dunha realidade a que se está procedendo dende que Maradona –por certo, un apelido lugués e ó parecer non italiano– pasou a outra dimensión? Que se pretende? Como é que esta sociedade nosa, cada vez máis puritana e hipócrita, silencia –ocultándoa e por elo restándolle importancia– a realidade dun ser tan equivocado.

    Agora si que o mundo non ten fronteiras. O pranto por Maradona é universal. Os da Escola de Comercio de Ourense que falaban inglés e ían pra contables ou horteras, algúns pra profesores mercantís, son agora economistas e predican as súas verdades dende tódolos púlpitos imaxinables... e xa todos falamos en inglés e crémonos que a economía éo todo. Isto comeza a ser monótono e aburrido. Recoñezo que eu preferir prefería aquela diversidade lingüística, aquela riqueza de outrora.

    03 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito