Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unhas eleccións condicionadas polo confinamento

    Cando se pon o interese partidario por diante, e se simplifican os efectos da pandemia, ten lóxica que Urkullo buscase o arroupe do último decreto do Estado de Alarma para facilitar as eleccións no País Vasco, suspendidas polo coronavirus. Agora realizaríanse en xullo. Tamén ten súa lóxica que a esta dinámica se apuntase o Presidente da Xunta. Outro cuestión e que nesta oportunidade ambas eleccións autonómicas coincidan na data, xa que o Día da Patria Galega sería un condicionante pola súa simboloxía, respecto da soberanía, da lingua, da República...

    Aínda que era previsíbel, dálle consistencia a esta convocatoria tan apresurada a hipótese sobre unha mellor situación sanitaria a primeiros de xullo, tendo en conta que apertura da mobilidade con outras autonomías pode ter consecuencias regresivas, tamén se especula cun “rebrote” do covid-19 despois do vran. Dálle consistencia a este razoamento que a duración da pandemia vai para lonxe, aínda que sexa baixo un certo control, tendo en consideración que haberá que esperar por unha vacina como mínimo até o vindeiro ano. Estes argumentos, máis a un governo en funcións e un Parlamento disolto, serven de base ao Presidente da Xunta para realizar axiña as eleccións. Non se pode obviar que son razóns de peso diante do electorado, máxime cando a pandemia afecta a vida cotiá das persoas, e os medios de comunicación de masas están totalmente centrados neste tema.

    Evidentemente xogan outros factores, que non son menores, para realizar as eleccións en xullo, seica na primeira quincena. Seguramente conta moito para o PP que a esta altura os efectos do covid-19 foron menores na Galiza que no resto do Estado, especialmente no número de persoas mortas, mesmo a sumando as causadas pola pésima situación en moitas residencias da terceira idade, esencialmente de xestión privada. Ademais, superada a urxencia, unha análise máis acaida da pandemia destacaría as eivas da loita contra o virus por mor da privatización de parte da xestión sanitaria e a redución de medios e persoal durante o governo do PP. Asemade, non se pode ignorar que durante esta emerxencia sanitaria tanto o Governo do Estado, como os partidos de oposición neses ámbito, así como os presidentes das autonomías, foron os que “chuparon” cámara e titulares. Pola contra as forzas da oposición de ámbito exclusivamente galego tiveron un espazo moi limitado nos medios, o propio pasou coas organizacións sindicais e sociais, así como coas numerosas protestas no ámbito laboral, só as sanitarias foron quen de abrir algunha fiestra.

    Outro aspecto, que con seguridade alenta a Núñez Feijóo a convocar axiña as eleccións, estaría condicionada pola evolución da situación económica, laboral e social, que se irá agravando nos vindeiros meses (tamén con rebaixas nos salarios e pensións, como piden algúns economistas e o mundo empresarial ao que o PP está tan ligado?). Os Ertes chegan até finais de xuño, o sector da restauración e o pequeno comercio sae moi golpeado polo covid-19, igual que o turismo e o transporte de carácter masivo (até que punto afectará o Xacobeo?...). Son temas que non se poden obviar xa que cuestionan a economía de escala, poñendo en primeiro plano a: diversificación e potenciación da produción e servizos locais, o comercio exterior como complemento, e o agromar de novos hábitos sociais e ecoloxicos. Que propón sobre isto o governo actual da Xunta?

    Todo indica que este vran vai ser duro e cunha taxa de desemprego elevada, e polo tanto a situación económica, o emprego e as condicións laborais pasaran a primeiro plano da preocupación da xente. E neste aspecto non se lle poden botar todas as culpas á coalizón PSOE-UP, porque esta é herdeira recente da xestión do PP, e este partido governa Galiza dende hai máis dunha década, cun país en regresión na participación do PIB no Estado español e perda de habitantes. Hoxe este debate só é central para o BNG, a CIG e outras forzas nacionalistas, o PSOE-UP están centrados en solucións transitorias e carentes de propostas especificas para cada autonomía e nacionalidade (a loita contra a pandemia é un exemplo de centralismo “progresista”, disputándolle o privilexio á dereita).

    Para o PP fronte aos escenarios posíbeis este é o mellor momento para a convocatoria electoral. Mais, para alén dos “centristas” argumentos que Núñez Feijóo nesta conxuntura, que relata nas súas exhaustivas e preparadas intervencións, hai cuestións que non están aclaradas, e que son de suma importancia no aspecto sanitario e democrático. Por exemplo: cales serán medios de protección nos centros de votación para que os/as electoras podan emitir o voto coas máximas garantías? Até onde pode ser substituído polo voto por correo?... Outro aspecto democrático fundamental, tendo en conta que a participación en actos así como a propaganda electoral estará limitada: realizaranse moitos máis debates nos medios públicos e privados? Aumentaranse os espazos nos medios para que cheguen con claridade á sociedade as opinións de todas as forzas que se presenten?

    Todos estes é outros aspectos que teñen relación coa campaña, así como a súa duración, non son secundarios, senón que teñen a mesma importancia que a seguridade sanitaria, porque ambas son esenciais para asegurar un proceso minimamente democrático. A igualdade de trato nas eleccións é a garantía para que a vontade popular decida o futuro inmediato desta antiga nación galega, nunha conxuntura complexa. Coido que esta cuestión é tanto ou máis relevante que a propia data, xa que nesta circunstancia tan excepcional, a situación sanitaria, económica e laboral, pode mudar rapidamente; desvirtuando ás perspectivas máis fundamentadas e todas as enquisas realizadas. Que a arbore non nos impida ollar o bosque.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    16 may 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.