Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Único

    A historia narrada na película Especiais sobre unha ONG que atende mozos e mozas con trastornos do espectro do autismo en París, ten  unha grande forza porque é real. Para os seus promotores cada un deles é único.

    A entidade promovida por Bruno e Malik acolle a todas as persoas con discapacidade intelectual das que non quere facerse cargo ninguén: nin os servizos sociais, nin ningunha outra ONG. Ademais forman a novos de barrios marxinais para que colaboren como voluntarios. Antes de comezar teñen que aprender a ser puntuais, a traballar en equipo, respectar as pautas do persoal médico e de enfermería...

    Un dos protagonistas, Joseph, consigue traballar nunha fábrica despois de convencer Bruno ao seu dono. O problema é que é incapaz de non tirar da alarma do tren e debe collelo para ir ao traballo.

    Outro, Valentín, é un mozo con trastornos severos que leva un casco de coiro para que non se autolesione. Para calmar a súa agresividade, é necesario sacalo do encerro no que se atopa e que se mesture cos demais.

    Ao principio Valentín está sempre só nun recuncho. Ata que Dylan, un voluntario problemático que deixou os estudos, consegue que avance pasiño a pasiño. Primeiro logra que beba do vaso que lle deu unha logopeda, cambiando a auga por Coca-Cola; despois que baixe da furgoneta a tocar un cabalo...

    Nunha fase máis avanzada, un día Dylan déixoo uns minutos só no piso que vivían e Valentín escapou. As voluntarias búscano por todo París, ata que o ven andando pola autoestrada. Conseguen salvalo de milagre, pero pagou a pena: Valentín é único.

    Como a ONG utiliza medios non convencionais (algúns traballadores non son titulados, non teñen os mozos atados...), a administración francesa ameaza con pechala. Cando Bruno lles din que recibe continuas chamadas dos servizos sociais e outras ONG para que atenda casos para os que non están preparados, a inspectora queda muda. E máis cando lle conta a historia de cada un dos mozos cos que traballan, as súas familias e o progreso alcanzado polo miúdo. Para Malik e Bruno non hai distingos polas aparencias, polas habilidades ou pola pasta. Para eles cada persoa é única.

    22 may 2020 / 23:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.