Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vacina contra a COVID, si ou non?

    NOS últimos meses, todos fomos testemuñas da gran presión social que se manifestou a escala mundial así como da ansia por escoitar que a comunidade científica elaborou unha vacina que, lembremos, non vai curar a ninguén da COVID pero si lle ensinará ao noso sistema inmunitario a recoñecer e a combater o virus que causa a doenza, a diminuír a súa gravidade e a mortalidade.

    A vacina por fin é unha realidade como tamén o é o feito de que unha parte importante da poboación non se amose convencida dos beneficios de vacinarse o que, en gran medida, bota por terra tanto esforzo e investimento.

    No ano 2019, a Organización Mundial da Saúde constatou como o atraso á hora de vacinarse ou o seu rexeitamento se converteron nunha das dez maiores ameazas á saúde pública mundial que está a provocar a reaparición de doenzas que xa se crían desaparecidas como son o xarampelo ou a poliomelite. Unha realidade moito máis grave ca o feito de que, efectivamente, nalgún dos casos unha mínima porcentaxe poida sufrir algún dos efectos secundarios raros previstos.

    Esta crise de confianza na vacinación sistemática débese, en parte, á desinformación e á divulgación de mentiras, sobre todo relacionadas con falsas reaccións adversas que rapidamente se estenden e medran coma unha bóla de neve e que, nalgúns casos aínda que moitos de nós non nos decatemos, tamén buscan desautorizar comunidades científicas e incluso gobernos.

    No 2020 tamén se coñeceron resultados de estudos ao redor da COVID e das vacinas realizados por entidades como o Instituto de Salud Carlos III ou o Instituto de Salud Global de Barcelona que reflectiron a mesma desconfianza. De feito, no mes de outubro de 2020 soamente un 43% dicía que a porían. Visto o visto, os cidadáns desconfiarían da vacina, do Goberno ou dos dous?

    A Comisión Europea autorizou as vacinas elaboradas por Moderna e Pfizer. Máis alá das lóxicas dúbidas e incertezas, sobre todo derivadas da relativa rapidez coa que se desenvolveron, cómpre recordar que, maioritariamente, todas ofrecen un altísimo nivel de seguridade que se basea en procesos moi rigorosos de ensaios clínicos controlados e que os requisitos das licenzas buscan garantir que os beneficios da vacinación superen os riscos.

    Iniciouse a primeira fase de vacinación, non-obrigatoria, pero ao ritmo que imos tardaremos anos en conseguir a inmunidade de grupo e o 70% de vacinados. Como di meu irmán entre risas, “aínda han caducar”. Mágoa que non cheguen a tempo para os milleiros de persoas xa finadas.

    15 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito