Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vai de premios literarios

    CANDO se fala de premios ou de certames literarios, a miúdo escoitamos rumores que poñen en cuestión a obxectividade dos membros do xurado e/ou da mesma editorial ou entidade que os convoca; que poñen de manifesto que o prioritario son os resultados económicos e comerciais; azueiras de que hai gañadores por encarga; de escritores e escritoras noveis frustrados porque nunca se escollen as súas candidatas; de negros detrás das sinaturas recoñecidas... Pero o certo é que tamén existen premios transparentes, entre eles, dous resoltos neste mes que medran e gañan prestixio en cada edición pola honestidade e pola calidade das obras seleccionadas.

    Un é o Premio Fina Casalderrey, nacido co obxectivo de promover a educación en igualdade e como homenaxe a todos os autores e autoras que apostaron por escribiren literatura infantil non-sexista. Un galardón necesario, que continúa a liña iniciada con Contos da Igualdade, onde se buscaba visibilizar a literatura feita por mulleres, e que pon de manifesto a implicación de Baía Edicións e da súa directora, Belén López Vázquez, na tarefa colectiva de lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria convidando á reflexión e á sensibilización dos máis pequenos con respecto a este tema. A gañadora desta terceira edición foi A pita xefa, de Marta Lado, que verá a luz proximamente, en formato de álbum ilustrado. Por certo, a autora tamén recibiu, días despois, un Mestre Mateo como Mellor actriz secundaria polo seu labor en Ons.

    Os outros galardóns que quero destacar son os Frei Martín Sarmiento organizados por Escolas Católicas co obxectivo de fomentar a lectura en lingua galega entre os escolares que, ademais, se converten en protagonistas ao decidiren cos seus votos as obras gañadoras. Estes galardóns, que xa van pola súa décimo sétima edición, distribúense en sete categorías que inclúen tamén recoñecementos á banda deseñada e/ou humor gráfico e á tradución. Anotade os títulos premiados neste curso: Se che pica un mosquito, de Jordi Gastó e Christian Inaraja; Hércules o xigante, unha torre de lenda, de Enrique López; Animalia 2. Branco, de Xosé Tomás; Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras; Maneiras de vivir, de Luis Leante traducido por Belén Rodríguez; Ardora, de Beatriz Maceda, e Beleza Vermella, de Arantza Portabales.

    Parabéns e grazas a autores, ilustradores, tradutores, editores... que abren as mentes e as almas á lectura e, por suposto, a todos os lectores e lectoras que vos atrevedes a vivir e a soñar en galego e co galego.

    14 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito