Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ver Galicia a través do Pórtico da Gloria

Por Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Se lle pedísemos a calquera galego, ou a todas as persoas que nalgún momento visitaron Galicia ou Compostela, que pechase os ollos e pensase nunha imaxe coa que identificar o noso país, esa imaxe sería, con moita probabilidade, a da Catedral de Santiago de Compostela. Porque vendo o Obradoiro e o Pórtico da Gloria vemos Galicia e sentímonos no corazón mesmo da nosa terra.

A Catedral compostelá é un ben co que nos identificamos todos os galegos, pero co que tamén se identifican os milleiros de peregrinos que ao longo da milenaria experiencia xacobea percorreron o Camiño de Santiago e atoparon na fachada barroca de Casas Novoa a meta da súa experiencia. Un ben, en definitiva, que sempre ocupou un lugar fundamental dentro do patrimonio cultural galego, español e universal e que debe ser correctamente xestionado e salvagardado para cumprir a nosa responsabilidade como legatarios dese herdo. Así como para garantir a permanencia da identidade e a cultura galegas no tempo.

O patrimonio é aquilo que recibimos dos nosos antecesores e que debemos legar en iguais ou mellores condicións aos nosos descendentes. Un recurso fundamental para o progreso que supón unha riqueza cultural, histórica e artística capaz de facer país e xerar orgullo. Ben o sabemos na capital de Galicia, onde nos sentimos orgullosos da Catedral, un complexo arquitectónico, artístico e escultórico de primeirísimo nivel e un lugar de espiritualidade e de referencia para todas aquelas persoas que nos visitan.

Como pobo, herdamos unha Catedral que funcionou como guía non só para os peregrinos, senón tamén para o crecemento e evolución de Compostela. Agora, a nosa obriga é deixar ás vindeiras xeracións un ben conservado, coidado e protexido que poida continuar guiando ao noso pobo, canto menos, durante outros oito séculos máis. Pero tamén somos responsables de procurar e crear marcos para un axeitado aproveitamento económico do mesmo, a través da promoción dun turismo cultural, respectuoso e sustentable, e do fomento profesional asociado a todas as fases de xestión do noso vasto patrimonio cultural.

Con este obxectivo, hai máis dunha década iniciamos o maior proxecto de conservación e restauración da Catedral de Santiago de Compostela, unha das actuacións máis complexas que se fixo recentemente nun ben declarado Patrimonio da Humanidade. Estes anos foron, sen dúbida, un camiño longo, incluso ás veces complexo, que só fomos quen de percorrer con éxito sumando esforzos e vontades. Un camiño que supuxo, ademais, un bo exemplo de colaboración entre entidades públicas e privadas ás que agora, cando case estamos chegando á meta, só podemos recoñecer e agradecer a súa participación.

Dentro das entidades privadas foi fundamental o papel que puxo en marcha a Fundación Barrié que posibilitou, cun investimento moi potente, avanzar na rehabilitación dunha das maiores xoias desta Basílica e un dos conxuntos escultóricos máis significativos do Románico: o Pórtico da Gloria, un elemento referencial para todos os santiagueses e para o fenómeno da peregrinación. Unha xoia artística que esgota cualificativos e sobrecolle e emociona como poucas.

Cómpre destacar tamén o traballo da Fundación Catedral coordinando os traballos e as diferentes administracións, entre as que se atopa a Xunta de Galicia, que colaboraron con este proxecto logrando o que hoxe temos ante nós: a completa recuperación visual e simbólica do Pórtico da Gloria e a reinauguración da Catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción.

O proxecto que iniciamos hai máis dunha década incluía obras de gran envergadura que, en moitos casos, deron pé a outras intervencións que foi preciso ir ampliando e acometendo. Pese á complexidade, as principais actuacións están xa rematadas e o 31 de decembro abrimos a Porta Santa para presentarlle ao mundo unha das rehabilitacións máis significativas feitas ata o momento e unha das máis importantes do século XXI.

O resultado de máis dunha década de traballos de equipos multidisciplinares do máximo nivel ‒supervisados e apoiados en diversas fases polos técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia‒, é un éxito colectivo no que, ademais de recoñecer a colaboración de todas as entidades implicadas, debemos agradecer o traballo feito por todos os profesionais que se implicaron e esforzaron para que composteláns e galegos poidamos gozar dunha Catedral renovada.

Hoxe, cando encaramos xa a recta final deste longo proceso, podemos dicir que esta é unha intervención feita para durar e que a Catedral de Santiago poderá ser desfrutada e coñecida polas xeracións vindeiras como testemuña transcendente do que acadamos como pobo. Unha correcta xestión de salvagarda que supón un síntoma da boa saúde da nosa sociedade porque conservar e transmitir ese legado ten un valor económico, pero, sobre todo, é o reflexo dunha sociedade respectuosa e saudable.

Como dicía o político francés Édouard Herriot: “O valor dunha civilización non se mide polo que sabe crear, senón polo que é capaz de conservar”. Con esta intervención, os galegos demostramos novamente que sabemos conservar o noso patrimonio cultural milenario como unha das herdanzas do noso pasado e tradición e como un recurso con futuro do que sentirnos

17 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.