Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vivenda digna para todos.

    O artigo 47 da Constitución de 1978 di: "Todos os españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as decisións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan dacordo co interés xeral para impedir a expeculación".

    O luns 24 de agosto saía unha noticia nun xornal falando sobre o tema da vivenda, onde se dicía que a banca pide ao Estado avalar a compra da vivenda para a mocidade nun 95%.

    Parece ser que a ministra de economía do PSOE, Nadia Calviño, o ve con bos ollos; non así o tamén ministro do PSOE Ábalos, que aposta por fomentar o aluguer.

    É este un eterno debate, o de propiedade ou aluguer da vivenda, e eu que son un mal pensado acho que o aluguer beneficia aos grandes propietarios que poñen os seus inmuebles en aluguer e fan grandes negocios.

    Sabemos que hai propietarios que non poñen no mercado de aluguer todas as súas propiedades disponibles para evitar deste xeito que baixen os prezos polo aumento da oferta.

    Neste tema eu aposto pola vivenda de propiedade para as clases populares, nunha economía capitalista. Se as clases populares, non puderen acceder á vivenda en propiedade, pasarán a vida pagando un alugueiro a un gran propietario, en moitos casos.

    Hai que construír vivenda protexida e ten que haber prezos asequibles para pagar as hipotecas. Deste xeito cando un obreiro consiga ter pagada a totalidade da súa vivenda verase liberado de ter que seguir pagando toda a súa vida por ela, e lla poderá deixar aos seus descendentes. Isto sempre pensando se vivimos nun sistema económico capitalista, no sistema económico socialista as cousas mudan.

    Lembro un Congreso da Federación de Barcelona de Esquerra Republicana de Catalunya onde Carod-Rovira quería que se aprobase unha proposta defendendo a vivenda de aluguer. Fun eu quen pediu a palabra para defender a vivenda en propiedade para as clases populares. Un obreiro, en moitas ocasións, o único que pode chegar a ter en propiedade é a súa vivenda, e non vexo acaído que se incentive o aluguer.

    A vivenda é un dereito fundamental que se viron mesmo obrigados a recoller na Constitución de 1978. Unha Constitución da que tan ben defenden os seus aspectos menos democráticos, como é o caso da monarquía, e da que tan mal se defenden os seus aspectos máis sociais.

    Así pois, a miña posición nunha economía de libre mercado é posibilitar que os máis desfavorecidos teñamos unha vivenda en propiedade. E que o Estado poña toda a súa maquinaria ao servizo de que isto sexa posible.

    O debate de propiedade-aluguer na vivenda está presente en todos os países, e dentro de moitas organizacións políticas onde existen discrepancias entre algúns dos seus membros; como parece ser o caso de Calviño e Ábalos.

    Ou como pasou nese Congreso de ERC entre Carod-Rovira máis outros que rematamos por tumbar a súa proposta.

    30 ago 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito