Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vivenda para todos?

    AÍNDA que a Constitución sinala que “todos os españois teñen dereito a desfrutar dunha vivenda axeitada e os poderes públicos promoverán as condicións para facelo efectivo, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”, ata agora, isto non pasou de ser un brindes o sol.

    Mentres o parque público de vivenda social destinado ao alugueiro na Unión Europea é do 9,3%, en España no 2019 supón o 0,96 % das vivendas principais. Ademais, máis de 2 millóns de fogares non tiveron cartos suficientes para pagar o alugueiro ou a hipoteca, ou retrasaron os seus pagos, duplicando as cifras de 2018. Tamén se duplicou a porcentaxe de fogares que residen en vivendas insalubres ou en situación de amoreamento (Informe Evolución da cohesión social e consecuencias da covid-Foessa).

    Para promover o acceso á vivenda o proxecto de Lei estatal polo dereito á Vivenda prevé limitar os prezos dos alugueres nas zonas tensionadas. A declaración destas corresponderá ás comunidades autónomas, que poderán solicitala cando a renda do alugueiro supere o 30% dos ingresos medios por fogar e nos últimos cinco anos tiñan aumentado cinco puntos por encima do IPC. No caso das persoas xurídicas que sexan propietarias de más de dez vivendas, o prezo poderá limitarse segundo o disposto nun índice, e no dos restantes propietarios a suba non poderá superar o 10% da última renda do contrato anterior.

    Así mesmo ofreceranse incentivos fiscais no IRPF cando os propietarios diminúan en más dun 5% o prezo do alugueiro nos acordos entre particulares de inmobles nas zonas tensionadas.

    Por outra banda, os concellos poderán subir o IBI aos propietarios que teñan máis de catro inmobles baleiros e leven máis de dous anos baleiros, co fin de incentivar que as 1.550.000 vivendas baleiras que hai en España cumpran a súa función social.

    A lei tamén establecerá que as vivendas de protección oficial saian ao mercado nun período de 30 anos, en vez de entre 10 e 30 como agora; e que o 30% do solo das novas promocións estea destinado a vivenda protexida.

    O talón de Aquiles do proxecto de lei non estriba, como din algúns, en que atente contra a economía de libre mercado, pois esta debe conxugarse co mandato constitucional de facilitar o dereito efectivo á vivenda. Sobre todo radica en que, aínda que o Estado pode aprobar unha lei marco, invade competencias das comunidades autónomas e non está consensuado con elas.

    Nun asunto tan transcendente debería haber un pacto de Estado, introducindo no proxecto as correccións necesarias para que as ambiciosas medidas que contén non queden en nada e poidamos achegarnos aos estándares europeos.

    19 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito