Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Vocación e ‘bocación’

    QUE poucos ensaios de fondo se escriben agora sobre a universidade. Parece que o único que á xente lle interesa dela son os resultados da Selectividade (Juan José Moralejo dicía que se debería chamar “Seletividá”, un voquible con máis poder de documento). Agora chamámoslle ABAU, unha sigla que non me gusta nada porque semella a onomatopea dun arroto. Moitos gases no bandullo debe ter a alma mater. A universidade de hoxe non fai boas dixestións porque matou a vocación e só nos propón bocación: títulos que poidan dar de comer, que procuren fartura. Como nestes tempos a xente pensa cos orificios, haille que dar satisfacción á boca, ao peto e a outros buracos. A universidade viróusenos nunha bocación chea de devoradoras carreiras STEM (outra onomatopea: do estreñimento).

    Faltan libros que profunden nas criptas da universidade. Antes (eu padezo antesclerosis), hai cincuenta ou sesenta anos, os libros sobre a universidade constituían case un xénero literario que deixou títulos memorables, polo menos para aquela xeración do mítico Maio do 68 (que, ao final, deu máis mangantes –incluso algún magnate– ca homes magnos). Pero daquela líanse libros iniciáticos do estilo de The campus war (do galopín de John Searle) sobre os rebumbios nas universidades, empezando pola de Berkeley.

    Pero agora nos campus ninguén busca guerra, se cadra porque agora quen campa nos campus son as mulleres (das cen mellores notas da ABAU, setenta leváronas elas), que son máis pacíficas e veñen cheas de bocación, criadas e construídas por nais naiciñas que saben o que costa comer (sobre todo en días de inflación).

    Como che cambiaron os tempos. A nosa socioloxía literaria –Amando de Miguel e outros que sabían facer algo máis ca estatísticas e enquisas– conta que a irrupción da “muller moderna” produciuse hai cen anos (os “tolos anos vinte”) nunha paisaxe aínda de costureiras e cigarreiras (coma as de Pardo Bazán) que tiñan pechadas para elas as portas da universidade. Houbo algunha excepción que foi protestada con moito bombo e megafonía na rúa despois da insólita lectura da tese de doutoramento dunha muller en Madrid, segundo nos relata dona Concha Espina: “Se suspendió la circulación en la calle de San Bernardo”.

    Aquilo xa non houbo maneira de paralo. Naqueles tolos anos vinte as criadas e costureiras de dona Emilia empezaron a chimpar do campo ao campus até vir dar nestes días en selectivísimas da Selectividade e entrevistadas en todos os periódicos, onde din que van ser enxeñeiras de Big Data e neurólogas. Ou sexa, carreiras dedicadas ao cerebro, órgano que para Woody Allen é o seu segundo favorito, pero para elas seica é o primeiro. E sempre con moita bocación.

    22 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito