Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xa temos indultos

    Como se se tratase dun parto, os indultos xa chegaron. Especulados e anunciados finalmente por Pedro Sánchez no Teatre del Liceu o pasado luns, chegaron puntualmente dunha maneira que lembra aquela canción do coello Bugs Bunny, que nos anos da miña infancia anunciaba (en castelán) que “xa chegou, xa está aquí”.

    A teima das dereitas españolas (que no fondo son a mesma con diferentes máscaras) contra a concesión dos indultos aos presos independentistas cataláns está ben lonxe do que sería o patriotismo, máis aínda desoutro patriotismo constitucional que Habermas definiu. Con ese paso de perdoalos (parcialmente), o goberno de Pedro Sánchez non fai senón enfiar a agulla para unha solución do problema con Cataluña (que excede o simple ámbito independentista). Unha solución que non se limitaría a aquel territorio senón que sitúa unha futura reorganización do Estado, especialmente no que corresponde aos impostos.

    Porque todo o asunto do independentismo catalán, na súa cerna, responde a aquel concepto que Alfred Hitchcock definiu como un Mcguffin, é dicir un asunto que aparece nunha película coma presunta escusa argumental que condiciona aos personaxes pero que non ten máis relevancia. En definitiva, unha distracción para o espectador.

    Pois a independencia coma motor e obxectivo agacha o que se está a cocer en realidade. En Cataluña, a liorta pola hexemonía social entre un sector das clases medias (altas), representado durante décadas polo pujolismo, que veu en perigo o seu dominio social tanto polas políticas económicas da globalización (nas que Madrid gaña) e pola disputa que do mesmo fai esoutro sector das clases medias (non altas) máis progresista, vítima da submisión do primeiro ás políticas neoliberais (aquela Cataluña business friendly que Artur Mas preconizaba).

    Cando este segundo sector rachou cos límites da autonomía (lembremos, da autonomía recollida nun estatuto retallado, referendado e retallado de novo polo Tribunal Constitucional), o primeiro -xa tocado polo fracaso do proxecto de CiU- non tivo outra saída que subirse ao carro. Conseguiu manter a cabeceira con Puigdemont e Torra pero xa non tiña máis pólvora. O esgotamento definitivo chegou coas recentes eleccións, nas que o proxecto desa dereita rebelde quedou en terceira posición por detrás de socialistas e republicanos.

    E dun xeito semellante, nesa España -que a maneira daquel caldo concentrado Bovril- é Madrid, a independencia serviu para estirar a ausencia dunha solución a un problema territorial que non só afecta a Cataluña senón tamén ao País Valenciano e ás Baleares, alcanzando incluso hoxe a Andalucía e Galicia malia que estean gobernadas polo Partido Popular. Eses territorios están a erguer a resistencia -por tímida que pareza- contra esa aspiradora sen fin de recursos que é Madrid, cuxo paladín é a recentemente reelixida Isabel Díaz Ayuso. Perdidos os xoguetes do terrorismo e do independentismo, o proxecto da dereita quedará espido aos ollos da cidadanía.

    E os posibles acordos entre o PSOE e ERC -co concurso de UP e outras forzas periféricas- é o que pon en perigo ese modelo centralizador e excluínte. Pero cómpre que a parte socialista do goberno de Sánchez non se engane. Os indultos son o primeiro paso pero non a solución. Se o que se pretende é encaixar a Cataluña no Estado cómpre facer previsións, especialmente de orzamentos que eviten que Madrid se escape (obviamente, sen esquecer o resto de territorios). Así, cando se anuncia a prolongación duna liña de “Cercanías” en Madrid, cómpre lembrar o calamitoso estado das liñas ferroviarias que parten de Barcelona, entre elas esa de vía única que leva a Vic, ou a demora en construír un apeadoiro en Premià de Mar, aprobado nos orzamentos xerais hai dez anos. Dous exemplos, que serían moitos máis España adiante. Iso si: xa está previsto que a liña do AVE chegue ao aeroporto de Barajas. Porque se esas aldraxes non se solucionan (e o anuncio dunha nova peaxe nas autoestradas -en Cataluña agora están a vencer as antigas, algunha con máis de corenta anos- non presenta nada bo) daquela unha nova marea independentista será absolutamente dominante. Hai freo no sector pragmático (ERC) pero ten que haber decisión por parte do goberno de Sánchez.

    Joaquim Ventura

    24 jun 2021 / 10:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito