Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xeira nova

    A Facultade de Filosofía celebrou o pasado venres a festa dos graduados e graduadas da promoción 2021/22. Eu non son a persoa máis obxectiva para falarlles destes mozos e mozas universitarias porque me traizoa o agarimo que sinto por eles, despois de catro anos de convivencia nas aulas. Están ateigados de futuro e son a mellor esperanza para que a Filosofía non esmorecerá como patrimonio inmaterial da humanidade.

    Se cadra sinto por eles máis agarimo que por outras xeracións pasadas porque lles tocaron catro anos ben amolados. Dous deles marcados por unha pandemia que nos roubou a vida ou, polo menos, tentouno. Tiveron que afacerse as aulas espello, ás clases por videoconferencia, as titorías telemáticas, aos exames virtuais. Pedirlle a un aprendiz de filósofo que se esqueza do trato humano e próximo, da conversa aberta e sen buzo, dos debates transcendentais na praza de Mazarelos ou nos corredores da Facultade é case tanto como pedirlle a un arquitecto que deseñe un edificio co dedo.

    Nestes catro anos viviron tamén con incerteza o futuro da Filosofía na nova lei de educación, a xa tristemente célebre Lei Celaá, que eliminou a materia de Filosofía no Ensino Secundario Obrigatorio, despois de prometer no Congreso dos Deputados que serían os seus máximos valedores. Por sorte, Galicia e outras comunidades autónomas puideron remediar parcialmente esta desfeita grazas á decisión da Consellería de Educación de incorporar esta materia dentro da súa cota autonómica. Alégrome por estes mozos e tamén por todos os que poderán gozar dunha cultura filosófica de máis de 25 séculos, que se di moi axiña.

    Parabéns, xa que logo, para esta nova xeira de filósofos e filósofas, que saen ao mundo persuadidos de que estamos a tempo para filosofar porque nunca é tarde para aspirar á felicidade.

    16 may 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.