Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xela Arias

    NUNHA das miñas novelas, non lembro cal, un personaxe afirma que nas fotos das persoas defuntas se descobre se están mortas para sempre ou se aínda seguen vivindo entre nós. Non sei se o meu personaxe ten razón, pero é certo que moitas veces as miradas de quen marcharon nos falan dende o máis alá por medio dos vellos retratos. Debo confesar que eu o percibo con excesiva frecuencia e non me importa que me tomen por excéntrico, porque me agrada ese don.

    Neste tempo de espertar da memoria de Xela Arias, de volver escoitar a súa voz nos medios de comunicación, de retornar sobre os pasos nunca perdidos dos seus versos, de axudar a seleccionar un poema seu para que a miña filla o leve ao instituto, de acumular cantos libros se van editando, de falar coas amizades dos recordos que nos uniron a ela... A ela e a Xulio, a Darío despois. Neste momento, digo, de ver como aquela rapaza de dozura seca, de espírito e verbo libre, pasa do estado latente ao de mito merecido da nosa cultura, teño procuradas con gusto as súas miradas nas fotos agora publicadas.

    Polo xeral, a ollada de Xela é firme e melancólica cando mira ao obxectivo da cámara. Como revelando algunha confidencia á eternidade. Así, cando escribe en Tigres como cabalos: “Tal vez esgote domingos, alcoholes doutrora. / E os dominios dos meus ollos / sexa, xa digo, algún corpo repetido” fala da limpeza dual da súa mirada nova, clara e expectante. A mesma que eu descubrín cando alá por 1981, en plena primeira campaña electoral autonómica, cada mañá viña cos seus dezanove anos á nosa casa para recoller os folios que María Xosé e mais eu tiñamos escrito nas madrugadas para o libro Quen é quen no primeiro Parlamento galego. Aí naceu a nosa amizade nunca rachada.

    Antes de marchar compartía o almorzo, indagaba sobre isto ou aquilo, sobre o xornalismo, a política, o futuro, a literatura, a edición... Logo viñeron outras colaboracións, outros encontros e sempre sentín que os seus ollos, o seu xeito de mirar, amosaban a esencia do compromiso poético e vital. Esas mesmas miradas estereotipadas que agora me transmiten o milagre de que Xela está viva, que nos segue ollando desde a eternidade, reforzando a forza literaria e os compromisos do seu verbo.

    16 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito