Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xibraltar

    Se hai un asunto que constitúe a quintaesencia do nacionalismo español é Xibraltar. É dicir, a reintegración na soberanía española da Rocha que preside o estreito que afasta España de Marrocos. O réxime franquista soubo utilizar tal reivindicación a maneira de unificación patriótica fronte á “pérfida Albión” e as democracias occidentais, cando estas lle negaban a España participar no concerto internacional, se ben a ONU recoñecía que se trataba dun “territorio non autónomo” pendente de descolonización.

    Despois dalgúns intentos para que a devolución a España fose efectiva, a creación dun goberno autónomo tras un referendo un tanto dubidoso e a presenza de avións da RAF no inmediato espazo aéreo español, foi a escusa para que o xeneral Franco pechase a fronteira en xuño de 1969, malia que tal acción supuxo unha grave crise económica na comarca.

    Recentemente (xuño de 2016), a carta de presentación de Vox foi a colocación por dous dos seus membros dunha enorme bandeira española nunha das ladeiras da Rocha: un deles foi detido e o outro, Javier Ortega Smith, fuxiu a nado ata España.

    Estas reivindicacións esqueceron sempre que a cesión de Xibraltar a Inglaterra, establecida polo Tratado de Utrecht, foi unha das condicións (outra foi a entrega de Menorca) que o Borbón inaugural, Felipe V, aceptou para que Londres deixase de apoiar aos partidarios de Carlos de Austria na disputa da coroa española. ¿Que Inglaterra –ou despois o Reino Unido- vulnerou algunhas cláusulas do tratado? Tanto ten, xa sabemos que Londres non ten amigos senón intereses e que sempre tivo unha posición internacional hexemónica fronte a unha España que cada vez pintaba menos.

    Unha situación que mellorou –poderíamos dicir- desde a entrada de España na OTAN e despois no marco da UE pero que seguiu a producir urticarias patrióticas, como cando a UEFA recoñeceu o dereito dos llanitos a ter unha selección de fútbol, coa condición imposta por España de non enfrontarse a esta. Un golpe ao orgullo español que o goberno de Mariano Rajoy quixo compensar cando en xuño de 2015 pechou o centro do Instituto Cervantes: ¿como ensinar “español” nun territorio que para nós é España?

    Pero este equilibrio, por fráxil que fose, se mantivo ata que o Reino Unido, en aplicación do Brexit, pasou a ser suxeito distinto e afastado da Unión Europea, cuxa xurisdición regulara a situación de Xibraltar durante máis de trinta anos. E só a partir da aprobación do tratado de saída do Reino Unido foi posible que este establecese con España o futuro status da Rocha. Unha negociación que –se ben cabe sospeitar contactos previos- tivo que ser resolta contra reloxo antes que rematase 2020.

    Ben axiña, as dereitas españolas puxeron no ceo o berro das aldraxes patrias. Para Pablo Casado, Pedro Sánchez era un brando que non soubo aproveitar a situación para obter a cosoberanía de Xibraltar, e por iso solicitou a súa comparecencia en sé parlamentaria. Vox, pola súa parte, considerou o acordo como unha “aberta traizón” contra a unidade da Patria.

    No fondo, pura verborrea, que non terá máis recorrido ca unha carreiriña de can. O certo é que no futuro, a fronteira entre España e Xibraltar aplicará as condicións do tratado de Schengen, circunstancia que antes nunca tivera xa que o Reino Unido non o asinou.

    De feito, a liña terrestre (“a Reixa”) xa non constituirá fronteira, establecéndose esta no porto e no aeroporto, vixiada por Frontex, a axencia europea de fronteiras exteriores. Segundo as previsións, nun prazo de cinco anos será a policía española (en tanto que policía da UE) quen teña o control. Os españois (e os cidadáns da UE) non necesitarán pasaporte, documento que si que precisarán os británicos que queiran acceder a Xibraltar.

    Neste territorio seguirá a ondear a bandeira británica pero unha parte da súa soberanía estará compartida con España en tanto que é o país da UE veciño. E no horizonte, un proxecto de integración económica na comarca do Campo de Xibraltar e nas sinerxías que o porto de Alxeciras xera. O de “Xibraltar español” xa é, polo que parece, cousa do pasado, para pasmo das nosas dereitas.

    Joaquim Ventura

    13 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito