Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Xogadas electorais entre enquisas e pandemia

    Non debía de estar a facelo tan mal Salvador Illa como ministro de Sanidade cando todos os partidos políticos que compiten en Cataluña (menos o seu, naturalmente) critican a súa presentación como candidato á presidencia da Generalitat. Se fose tan incompetente como bastantes deses partidos viñeron afirmando ao longo desta pandemia interminábel, deberían de estar contentos por dobre motivo: porque non sería un rival de peso nas eleccións autonómicas catalás e porque cabería a posibilidade de que un novo ministro de Sanidade fose menos incompetente, isto último no moi dubidoso suposto de que a eses partidos políticos lles interese que haxa un ministro competente que non sexa dos seus.

    Claro que se podería pensar tamén que o propio partido que decide prescindir de Illa no ministerio máis acosado -pola pandemia, polos gobernos autonómicos, pola oposición e polos medios informativos-, para encargarlle a conquista da Generalitat de Cataluña, non debe de considerar decisiva a súa actuación no ministerio: trasládao no medio da gran batalla contra o covid-19. Ou considera máis importante tratar de acadar un triunfo electoral na comunidade autónoma que atravesa a situación política máis complicada, en clara competición, por certo, coa comunidade de Madrid (e non falo só de pandemia, algo que complica e castiga a todas as comunidades, simultaneamente ou por quendas).

    Nestes xogos cortoplacistas que se gastan os políticos en España (e non só en España, pero agora estamos a falar de aquí), as enquisas resultan fundamentais na toma de decisións. E as enquisas parece que revelaron que Illa se convertera nun personaxe o suficientemente coñecido e valorado como para sacarlle inmediatamente zume electoral. E cando as enquisas comezaron a vaticinar unha importante subida dos socialistas, o goberno catalán interino reaccionou tamén inmediatamente coa suspensión das eleccións até o 30 de maio (se as condicións epidemiolóxicas e as enquisas mellorasen para entón), contando coa complicidade de case todos os partidos: só o PSC e Vox, beneficiados nas enquisas, mostraron a súa desconformidade.

    As grandes dúbidas xurídicas da desconvocatoria -suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Cataluña- non preocupaban demasiado aos que levan varios anos xogando ao bordo da legalidade e co comodín de descualificar como gran conspiración de todo o aparello do Estado calquera medida que poña en cuestión os seus criterios de legalidade. Así, entre golpes de efecto e convocatorias interruptas, a campaña das eleccións autonómicas catalás do 14 de febreiro -ou de vaia a saberse cándo- arranca nun ambiente de confusión e desorganización, coa sensación dun gran aumento da abstención.

    (Engadido malicioso: Donald Trump amagou no seu momento con suspender as eleccións presidenciais estadounidenses do primeiro martes despois do primeiro luns de novembro do 2020, baseándose nos problemas que supoñía unha pandemia cuxa gravidade curiosamente negara e, ante a imposibilidade de modificar unha convocatoria especificamente marcada e detallada na Constitución, comezou a intoxicar a opinión pública cos seus receos contra o voto por correo, que era o sistema máis axeitado para unha situación de pandemia, e mantivo a súa actitude até o final, sen recoñecer o resultado das eleccións e incitando aos seus partidarios a tomar o Capitolio para bloquear a ratificación parlamentaria do voto popular, que, por certo, rexistrou o índice de participación máis elevado desde o 1968)

    Xosé A. Gaciño

    28 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito