Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Xogando á ruleta rusa

    Aínda que a pretensión de Estados Unidos (USA) sexa a de premer a Rusia para rachar o bloque que forma con China, que está a consolidar un mundo multipolar, todo indica que esta estratexia, cada vez máis agresiva, terminará por dar pulo a un mundo dividido en areas de influencia. Esta estratexia de Washington obedece a que está perdendo a batalla no eido tecnolóxico, sobre todo fronte a Pequín co que isto implica no ámbito económico e moi especialmente no da información e militar. Ademais neste último aspecto Rusia é unha potencia poderosa, tanto no no ámbito nuclear como nos avances tecnolóxicos aplicados á unha confrontación convencional.

    Agora ben, non se pode ignorar que Estados Unidos segue a ser a maior potencia do mundo, co exército máis poderoso e con bases en máis de cen países, que o dólar é a moeda de reserva, que controla as redes, a información e cultura de masas, e que é autosuficiente en materia agrícola e enerxética. Mais, resulta evidente que todo ese poder está cuestionado polo rápido crecemento da economía chinesa e o medre das contradicións cos países dependentes, polo deterioro das condicións de vida da povoación, e que estas tamén están medrando no interno nos Estados Unidos.

    Diante desta situación Biden e o partido demócrata tiña dúas alternativas: a de seguir e acentuar as políticas de confrontación de Trump, ou buscar un punto de encontro con China e Rusia e definir unhas regras de xogo partindo das acordadas despois da Segunda Guerra Mundial. Mais esta segunda opción, que é a máis lóxica, e a que en último extremo se terminará impoñendo, implica un cambio tanto estrutural como no relato dos USA. O que destruiría un dos tópicos da súa unidade nacional, como o de ser o país escollido por deus como sinónimo das liberdades, xustiza e democracia no mundo. Este relato permitiulle gañar á maioría social para exercer de policía mundial. Só cando tivo grandes custes en vidas humanas, por exemplo en Vietnam, esta escusa foi contestada internamente importantes sectores da povoación.

    Biden persigue os obxectivos Trump en política exterior. A diferenza con Trump é que busca recuperar as vellas alianzas, especialmente cos estados anglosaxóns, a UE, Xapón... e potencias rexionais como India e Turquía, para intentar illar a Rusia e China. Daquela que por unha banda volva a dar pulo aos acordos do clima, recupere a OTAN, e ao mesmo tempo, aumente as sancións e a presión militar contra Rusia e China. Aínda que sexa evidente que neste intre a tensión vai estar máis centrada en Rusia, daquela que Ucraína mobilice tropas e aumente a confrontación no Dombás e Crimea, e que a expulsión de diplomáticos rusos se alargue a máis países da orbita de Washington, unido a novas sancións económicas. Trátase dun intento desesperado de Estados Unidos, coa colaboración da UE, e outras nacións dependentes do imperio norteamericano, de rachar co bloque de China e Rusia, e todo o que este representa como alternativa ás vellas potencias hexemónicas.

    Sen dúbida é un camiño moi perigoso, xa que hai conflitos armados abertos, e potencias rexionais que buscan aproveitar a situación para se expandir, moitas veces coa única finalidade de canear así as súas contradicións internas. Se a isto unimos que esta confrontación debilitou a organizacións internacionais como ás Nacións Unidas e todos os organismos que dela se derivan, podemos dicir que o escenario está demasiado polarizado e faltan potencias, nacións, e sociedades organizadas e mobilizadas que fagan de mediadoras. Polo tanto é esencial que adquiran un maior protagonismo as organizacións de masas, sexan políticas, sindicais, sociais e culturais, para confrontar cos intereses das grandes corporacións e sectores da elite, que son os que en definitiva perante a globalización neoliberal levaron o mundo a este grao de enfrontamento, desigualdade, ruptura do equilibrio coa natureza,... A paz e o futuro da humanidade só se garante nun mundo multipolar, con respecto pola soberanía e a autodeterminación dos povos, e todo amosa que isto está ligado á mobilización popular e das nacións subalternas e dependentes, á conquista da xustiza social e á igualdade.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    22 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito