Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Xogos de salón parlamentarios

    Nestes días cómprense dous anos daqueles últimos orzamentos que conseguiu aprobar o último goberno de Mariano Rajoy (e que aínda están vixentes, por certo), gracias, entre outros, ao apoio decisivo dos deputados do PNV, a cambio de que se aumentasen as pensións segundo o IPC e de inversións en Euskadi. A votación final deses orzamentos foi o 23 de maio do 2018. Ao día seguinte fíxose pública a sentencia sobre o caso Gurtel que da por probada a financiación ilegal do Partido Popular. E ao outro día, o PSOE presentou a moción de censura que, sete días máis tarde, o 1 de xuño, remataría coa carreira política de Rajoy e levaría a Pedro Sánchez a La Moncloa. O PNV volveu ser decisivo, esta vez para propiciar a caída do líder popular ao que apuntalara só nove días antes.

    Dous anos despois, outro partido vasco, EH Bildu, protagoniza outro episodio de xogos parlamentarios para artellar maiorías, esta vez para algo que debería ser máis simple -a prolongación do estado de alarma-, pero que o ambiente de crispación política ten convertido nun capítulo máis da campaña electoral permanente que se vive desde o 2015. No intento por manter a cobertura legal que lle permita seguir controlando os tempos do desconfinamento, os partidos que forman este goberno de coalición en minoría tocaron todos os paus posíbeis para conseguir os votos positivos e as abstencións necesarios.

    Tras a votación que permitiu prolongar o estado de alarma quince días máis (e non un mes, como quería o goberno, porque os votos favorábeis de Ciudadanos só daban para quince días), coñeceuse que as abstencións dos cinco deputados de EH Bildu se conseguiran grazas a un desconcertante acordo entre PSOE, Unidas Podemos e Bildu para derrogar “de maneira íntegra” a reforma laboral que no seu día fixera o PP, e con carácter urxente: antes de que expiren as medidas extraordinarias adoptadas en materia laboral con motivo da pandemia. Os primeiros desconcertados foron os propios socialistas (ou unha parte deles), asustados por un acordo que lles compromete demasiado en tempo (antes de que caduquen as medidas extraordinarias) e forma (“de maneira íntegra”, un obxectivo que ate a ministra de Traballo, de UP, ten matizado nalgunhas declaracións), co importante matiz de que os tres asinantes non suman a maioría necesaria para esa reforma. Desconcertante porque, tal como transcorreu a votación, esas abstencións non tiñan relevancia e porque o primeiro efecto colateral do acordo foi a interrupción do diálogo social que se viña desenvolvendo en aceptábeis niveis de entendemento entre goberno, sindicatos e patronal.

    Todo isto non pasaría de ser anecdótico no cruce de xogos de salón parlamentarios, nunha cámara tan fragmentada como o actual Congreso, se non houbese polo medio unha grave pandemia que se vai controlando con grandes dificultades, porque aínda non se coñecen con exactitude as súas características e a súa evolución, e que, ademais dos efectos sobre a saúde, está a provocar unha crise económica de efectos aínda incalculábeis, circunstancias todas que parecen esixir un amplo consenso que está moi lonxe do alcance dunhas forzas políticas que pensan máis nas enquisas sobre intención de voto que en salvar ao país (mesmo aos diferentes países, que algúns parecen preferir afundir por si mesmos).

    (Non esquezo que o acordo foi con EH Bildu, unha formación política á que algúns non consideran legal pese a cumprir cos requisitos que eles mesmos engadiron á lei de partidos políticos no seu momento. Claro que eses mesmos tampouco consideran legal ao actual goberno. E parece que non pensan parar ate conseguir que prevaleza a súa particular interpretación da legalidade)

    23 may 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.