Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 29 julio 2021
02:03
h

Xohán V. Viqueira, patria e socialismo

    Nun xantar o 24 de xullo de 1969, co gallo da celebración do Día da Patria Galega, realizado pola Irmandade Galega de Bos Aires no Centro Ourensán, cunha asistencia moi numerosa e receptiva, Bieito Cupeiro presentou o libro “Xohán Vicente Viqueira: Vida, persoalidade, pensamento”. Na súa intervención este membro da Irmandade, ex directivo do Centro Coruñés, nado en Barallobre (Fene), puxo de releve a contribución intelectual e patriótica de Viqueira. Foi un acto no que participei, xa que daquela estaba integrado activamente na Irmandade Galega, da que era secretario.

    O papel sobranceiro de Viqueira era recoñecido nas Irmandades da Fala. No número 136 d'A Nosa Terra, voceiro daquela das Irmandades, do 15 de marzo de 1921, afirmábase: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as colunas do movimento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servizo: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”. Porteiro Garea, outra figura sobranceira morreu no ano 1918 con 28 anos. Viqueira morreu con 37 anos, en 1924, mais o seu nome estaría presente en repetidas ocasións como unha referencia do nacionalismo da época, tal como se reflicte en A Nosa Terra ou no Guieiro.

    Xohan Vicente Viqueira destacou ademais pola vinculación que fixo entre nacionalismo e socialismo, un tema que segue a ser de actualidade nunha sociedade na que a clase traballadora é ampla maioría. Porén, o lector/ra teña en consideración que daquela Galiza era eminentemente rural, con formas precapitalistas de autoconsumo cuantitativamene maioritarias, aínda que o capitalismo xa fose hexemónico nos ámbitos de poder, o que amosa o avanzado da súa reflexión tanto no aspecto nacional como social.

    Os textos de Viqueira que se recollen no libro presentado en Bos Aires (de 60 páxinas) son unha escolma realizada por Luis Veiga do Campo. A publicación fíxose por iniciativa dunha morea de sociedades galegas, agrupacións e coros (Irmandade Galega; centros: Coruñés, Ourensán, Pontevedrés, Corcubión, Betanzos, Residentes de Vigo, Federación de Sociedades Galegas; agrupacións: Breogán, A Terra, Unión Galega, Galicia, Fillos de Galegos; coros: Rumorosos, Residentes de Vigo, Rosalía de Castro, Brétemas e Raiolas, Breogán). No limiar estas entidades dan como razón para editalo que: “A colectividade galega de Bos Aires decote fidel ós principios que informan do seu permañente facer a prol da nosa Patria Galega e a súa liberación nacional quixo lembrar con este libro aos dos máis esgrevios clásicos do galeguismo, ilustre pensador e filosofo”.

    Polo seu interese reproduzo a continuación un dos documentos:

    NACIONALISMO E SOCIALISMO

    I

    Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo.

    E máis: o segundo é probablemente un aspeito do primeiro.

    Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade

    ideial, é vontade de vida unánime traballando nun momento da

    humanidade.

    II

    O fondo de todos os socialismos dí: que a ninguén lle falte pan

    dabondo, que todos teñan un fogar sob a garimosa teitume, que a

    es cola sexa igual para todos, que non haxa faro e nin tiranía. No que

    non se entenden os socialismos é nas fórmulas, nos planos para

    arranxar a sociedade de maneira que aquele estado xusto realícese.

    III

    Mais ¿cómo sentindo a ideal comunidade de patria, pode se tolerar

    que haxa cidadáns de dúas clases, os probes e esfameados e os

    ricos e privilexiados? ¿Cómo non sentir noxo, en que para os uns

    sexan todos os bens da vida e para outros nada? O nacionalismo non

    ve máis que irmáns na patria, e ele quere que todo o ben común

    pártase entre irmáns. ¡O nacionalismo é o santo calor, pai do socialismo!

    IV

    ¡Os pobos en que unha loita civil (de probes e ricos) separe aos

    cidadáns, cedo ou serodiamente morrerán; mais os que se senten en

    irmandade santa ( onde as diferencias sociaes son pouco notábeis ou

    non existentes) non teñan medo á eternidade!

    Viqueira ve entre nacionalismo e socialismo unha interdependencia (como tamén a entenden hoxe os partidos nacionalistas galegos), e non olla futuro para as nacións que non fagan da xustiza social parte da loita pola soberanía. Ten un valor sobranceiro que chegue a estas conclusións, para alén de que utilice concepcións marxistas ou non. Respecto da soberanía no apartado do libro que ten como título Pensamentos, propón a autonomía integral para Galiza, e concreta leis sociais que considera urxentes en relación cos labregos, obreiros, retiro de vellez, etc. O importante dos textos é que dá un papel fundamental á igualdade social, aos problemas cotiás da xente.

    X. Torres Regueiro, nun artigo en A Nosa Terra (do 1 agosto de 1985) destaca que Viqueira “arela unha solución federal aos problemas das nacións do Estado, para chegar a unha Federación Ibérica. Incluso chega a enunciar a súa concreción maximalista: “un futuro estado republicano federal socialista ou social”. A súa proposta de soberanía é acorde coas alternativas máis avanzadas do momento (por exemplo a soviética), e coa postura que fará súa o Partido Galeguista. Cómpre lembrar que a súa posición é anterior no tempo aos procesos de emancipación de Asia e África, que revalorizaron a cuestión da soberanía nacional como chave para o desenvolvemento social e económico nun mundo no que o imperialismo é o maior atranco.

    A postura de Viqueira non representaba as ideas hexemónicas nas Irmandades da Fala, que por outra banda eran moi plurais ideoloxicamente, polo que dependeron do momento político. Mais, convén lembrar que xa antes da Asemblea Nacionalista de Lugo, un importante sector do tradicionalismo afastouse das Irmandades, polo que o Manifesto de 1918 tivo un claro carácter progresista. E aínda que o debate continuou, tanto no plano nacional como no social, entre a dereita e a esquerda do galeguismo, a tendencia progresista no social quedou definitivamente marcada como hexemónica.

    Xohán Vicente Viqueira ofreceu unha teoría que defendía construír poder popular para a liberación nacional e social do povo galego. Polo que debería ter un maior protagonismo por parte do movemento nacional popular galego cando se lembran os antecedentes históricos. Deste xeito o fíxo a Irmandade Galega de Bos Aires, nunha etapa moi marcada pola liña da xa desaparecida Asociación Nacionalista Pondal, como foi a década dos sesenta e setenta do século pasado, así como polos procesos de liberación nacional no mundo.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    23 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito