Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Santiago. Outra Santillana del mar?

    QUEN SE se achegue pola famosa vila cántabra das tres mentiras quedará namorado polas súas casonas, prazas, rúas empedradas, museos, torres... que fan deste conxunto medieval todo un encanto para visitantes e turistas. Non imos descubrir aquí nada novo, senón analizar un modelo de vila, pobo ou cidade, xunto cos seus pros e contras. Cando se concibe todo, por e para o turismo, a poboación residente ten que adaptarse, e escoller entre quedarse ou saír. En Santillana son moitos os “residentes” que van e veñen para abrir e pechar a vila en horarios comerciais. É, coma se toda a vila abrise e pechase a unhas horas. O exceso de turistas fai que os oriúndos e residentes teñan que valorar e elixir, entre falar e convivir con veciños ou saudar cortesmente a persoas diferentes todos os días. Os cascos antigos dalgunhas cidades españolas, como Toledo, ferven de día e esmorecen polas noites, mentres agardan como un parque temático a que as primeiras luces volvan a encher as rúas.

    Os alugueres dos locais están concibidos para prezos diferentes, as cervexas teñen prezos diferentes, mentres a peonalización esténdese como sinónimo de calidade de vida. Cara onde camiña Santiago? Os residentes do casco vello non apostan pola cantidade, senón pola calidade do turismo. Vivir na “old town” cada vez é máis incómodo. Moita xente queda nos barrios periféricos de Vista Alegre, Conxo ou Fontiñas para tomar esas cervexas. Hai zonas que xa están colonizadas. A rúa do Franco é o noso Magaluf particular. Un recente estudo (2019) do profesor e investigador compostelán, J. María Ruzo Sanmartín, “Impactos del turismo en la ciudad de Santiago...” (Minerva, USC) analiza as opinións e a percepción que, sobre este fenómeno, teñen residentes e visitantes nun completo traballo de campo, froito de enquisas e cuestionarios. Entre as súas conclusións: “resulta muy interesante señalar que los residentes que conocen la existencia de un piso turístico en su edificio, afirman que su calidad de vida ha empeorado como consecuencia de la apertura de éste” (p. 68 ) ou que: “en cuanto a la sensación de turismofobia, destacamos el elevado conocimiento que existe del fenómeno (por encima del 80 %). Si bien es cierto que el porcentaje de los encuestados que considera que en Santiago existe turismofobia (un 23,8%) no es muy elevado” (p. 69).

    Entre os impactos negativos do turismo está o aumento de prezos, en particular da vivenda e dos locais, e a saturación de certos espazos da cidade. Apostando os residentes por unha definición do aforo en certas zonas e unha limitación de licencias de establecementos, antes de que a situación sexa irreversible. Se diciamos hai unhas liñas, que a peonalización é unha tendencia en alza, hai outro fenómeno, en particular estudado para o barrio de San Pedro, a Xentrificación, que apunta a unha transformación física, económica e social ao revalorizarse unha zona. A restauración comporta un incremento de valor catastral e patrimonial e a recibir ou desprazar aos seus potenciais veciños por criterios de renda. E xa comezan a escoitarse voces entre a veciñanza, que advirten do risco real de que esta Rúa de San Pedro remate por converterse nun Franco II.

    Temos en Santiago novos proxectos que condicionarán a vida dos seus residentes: un en Mazarelos e outro nos Concheiros. Algúns veciños, xa se están vendo con bolsas ao lombo centos de metros, porque se van quitar as prazas de estacionamento. – Que non temos bicicletas! Que aquí chove! Que temos coches en propiedade!

    Do mesmo xeito que se debe equilibrar un turismo de calidade, controlado e non masificado, para non verse comprometidos nin desprazados os residentes, tamén as zonas peonís, tan valoradas nas cidades, teñen que convivir, de momento, cos coches (nun futuro, xa se verá, igual non son necesarios os coches en propiedade). Hai ben pouco viña blasfemando pola rúa un repartidor dunha coñecida empresa de reparto, empurrando por unha caixa: - Moita beirarrúa, moita beirarrúa, pero quen ten que vir desde a casa de Dios, son eu!

    Direccións únicas, cargas e descargas moi separadas, beirarrúas de seis metros... condicionan futuras emerxencias, arranxos dos propios edificios ou que as empresas que acceden con paquetería pesada estean sopesando un plus ao cliente.

    E volvo a preguntar: cara onde camiña Santiago? Que cidade queremos ter? en que tipo de cidade queremos vivir? porque, se non se pode chegar co coche dun á casa dun ou só importan os turistas, non é de estrañar que dos case 106.000 habitantes do ano 1991, levemos nunha liña plana os últimos 25 anos. Será, acaso, porque “humanizar” unha cidade, tamén implica ou require facela funcional?

    06 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.