Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un 11 de setembro aínda máis dividido

    Os titulares dos xornais (non os procuredes nos editados en Madrid) que se fixeron eco da manifestación independentista de Barcelona salientaron que malia o importante volume de manifestantes (150.000 segundo a Guàrdia Urbana barcelonesa), estivo lonxe do dos anos inmediatamente anteriores ao andazo. Por riba, a noticia era a división, cada día máis profunda, entre os partidos do Govern (ERC e JxCat) ao que se engade a actitude contra eles por parte da entidade que convocaba a manifestación, a ANC.

    Ao cabo, este rexeito está no seu ADN desde o momento en que CiU, na presidencia da Generalitat de Catalunya, estaba a aplicar aquela política de business friendly con brutais recortes orzamentarios en sanidade, servizos sociais e mais ensino. Foron aqueles os anos nos que o independentismo colleu forza, tanto contra o goberno de Mariano Rajoy como contra o de Artur Mas. Perante o risco de ser desbordado, este sumouse ao carro a pesar de ter que ouvir o berro de Carme Forcadell, daquela presidenta da ANC, “President, poña as urnas!”.

    Aquel proceso que culminou co referendo do 1 de outubro de 2017, a fugaz declaración de independencia, a aplicación do artigo 155 e diversas detencións (con pena de cadea posterior) e fuxidas ao estranxeiro, non deixou de constituír a proposta estratéxica de ERC contra a hexemonía que durante anos exercera o nacionalismo conservador de CiU. Aínda que fose pagando o prezo de cadea e mais exilio para algúns dos seus.

    O certo é que a aplicación dos indultos aos condenados por Tribunal Supremo (a presenza de lazos amarelos é residual) deixou a ERC en mellores condicións para afrontar as eleccións de 2021 (convocadas tras a inhabilitación de Quim Torra). Empatada a deputados co PSC, o apoio de JxCat permitiu a reedición dun goberno de independentistas pero cos republicanos na presidencia da Generalitat. O socio de goberno, con todo, levaba xa daquela chumbo nas alas: a candidata número un do partido, Laura Borràs, que foi elixida presidenta do Parlamento, estaba en portas de ser procesada. Aberto o xuízo oral hai unhas semanas, a Mesa da cámara catalá votou por maioría (ERC, PSC, CUP) a aplicación do regulamento polo cal un membro da institución queda suspendido cando se lle abre xuízo oral. A sorte está botada malia que desde JxCat, cuxa presidenta é Laura Borràs, se proclame que a súa suspensión coma parlamentaria forma parte da represión española.

    E chegou a convocatoria da manifestación da tarde do 11 de setembro, feita pola ANC. No manifesto sinalábase de maneira xenérica aos partidos independentistas como responsables da “rendición” fronte ao Estado, cando resulta evidente que o ataque ía dirixido á vía pragmática adoptada por ERC fronte á retórica unilateralista que segue a soster o sector activista de JxCat (Borràs) a remolque do cal vai o sector de ADN converxente (Turull). Fronte a este disimulado ataque á “mesa de diálogo” co goberno español, o presidente Aragonès decidiu non asistir á manifestación e con el, os consellers do seu partido.

    Podería parecer -como tenta facer a ANC- que a súa crítica aos partidos segue a ser da mesma índole que a reclamación que Carme Forcadell fixera ao presidente Mas. Esta vez a entidade independentista -que xa non conta coa colaboración de Òmnium Cultural- pensa que a apatía pola independencia e a prol do diálogo dos partidos (un más ca outro) constitúe unha traizón de lesa patria. Unha visión que, a partir de considerar que o dereito á secesión é inalienable, ameaza con promover unha candidatura abertamente independentista que lle disputase aos partidos “mornos” cadanseu espazo electoral nas vindeiras eleccións.

    Junts per Catalunya pretende -lexitimamente- conservar un espazo de hexemonía en Cataluña pero a actual división no goberno augura unha eventual ruptura, que podería comezar cun pacto orzamentario de ERC con Catalunya en Comú, sen perder o horizonte un aumento electoral dos socialistas. Pero no caso de que o sector intransixente articulase unha candidatura da “sociedade civil” (ANC), JxCat podería ver mordida unha parte considerable do seu electorado, en beneficio de ERC, sen descartar un eventual pacto de esquerdas unha vez dinamitado o espazo independentista duro.

    13 sep 2022 / 11:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito