O Bloque arzuán alerta da caída en 6.000 habitantes

Xoán Xesús Carril, do BNG de Arzua / María Rendueles
María Rendueles
Arzua. O BNG de Arzúa alertou da baixada dos 6.000 habitantes que vén de facer público o Instituto Galego de Estatística. Arzúa pechou 2021, segundo o IGE, con 5.964 habitantes, 47 menos que o ano anterior e 340 menos que hai unha década. Segundo o portavoz municipal, Xoán Xesús Carril, “trátase dunha barreira psicolóxica que debe servir de toque de atención para que o goberno municipal se poña a traballar dunha vez para asentar poboación no noso concello”.
“O alcalde e o seu goberno teñen que deixar de lado o pasotismo no que están instalados. Saír do despacho e poñerse a traballar para reverter esta situación”, dixo o portavoz nacionalista, ao tempo requireu a mellora e a ampliación de servizos públicos. “Hai que lembrar que, por exemplo, foi este alcalde quen eliminou o servizo de madrugadores do colexio público. Ese é o camiño contrario ó que debemos tomar”, asegurou. Segundo Carril, “no BNG temos claro que é o que Arzúa precisa. Ten que ser unha prioridade para calquer goberno mellorar e ampliar os servizos públicos”. m. r.