Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Melide: natureza, patrimonio e gastronomía ao pé do San Roque

A vila prepárase para gozar de nove días de celebracións mentres reivindica os seus grandes atractivos turísticos e culinarios

O cruceiro de Melide, un dos máis antigos de Galicia. | CEDIDA

O cruceiro de Melide, un dos máis antigos de Galicia. | CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Melide

Melide dará mañá o pistoletazo de saída ás súas Festas de San Roque con nove días de celebración e un cartel de primeiro nivel. Panorama, París de Noia, 9Louro e moitas máis agrupacións de varios estilos musicais sucederanse do 14 ao 22 de agosto.

Festas de San Roque en Melide 2026

Festas de San Roque en Melide 2026

Festas de San Roque en Melide 2026

Malia isto, as Festas de San Roque non son, nin moito menos, o único atractivo de Melide. Este concello alberga, por exemplo, o chamado ‘Teito da Coruña’, ao que se pode acceder mediante a ruta dos Montes de Bocelo. Esta ruta comeza no núcleo urbano e discorre por fermosas paisaxes naturais, atravesando o río Pedrouzo e bosques repletos de flora autóctona. O cumio, situado no Coto do Pilar, atópase a 803 metros sobre o nivel do mar e permite observar unha espectacular panorámica.

Melide é, ademais, a vila que une a ruta do Camiño Primitivo e o Francés. Os visitantes poden desfrutar de numerosos recunchos históricos da localidade, con elementos patrimoniais como o Cruceiro de Melide, situado xunto á capela de San Roque e considerado un dos cruceiros máis antigos de Galicia. A peza está datada arredor do século XVI e contén representacións de Cristo e dun Calvario, constituíndo un dos elementos máis recoñecibles da localidade.

Outro dos puntos máis salientables de Melide é a igrexa de Santa María, de orixe medieval e declarada Ben de Interese Cultural. Este templo conserva no seu interior pinturas murais que achegan ao observador a historia da vila. Para os que queiran seguir coñecendo o pasado da localidade, o Museo da Terra de Melide é unha parada obrigada. As súas instalacións ofrecen un percorrido pola arqueoloxía, a historia, a etnografía e as tradicións máis senlleiras de Melide.

E se hai un produto que caracteriza a gastronomía melidense, con permiso dos doces, dos que falaremos a continuación, ese é o polbo á feira. O cefalópodo combina unha grandísima calidade da materia prima cunha preparación tradicional e ben medida nas grandes potas de cobre. Pero é ben sabido que a vila conta cunha importantísima tradición reposteira, con produtos singulares que protagonizan a emblemática Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional.

Todo isto converte este concello nun destino moi atractivo, especialmente durante as celebracións de San Roque. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas, convida os cidadáns a achegarse á vila durante estas festas: «Agardamos e desexamos que tanto a veciñanza como todas as persoas que nos visitan gocen destes días e da ampla programación preparada para estas xornadas. Son días nos que á programación de San Roque se suman a nosa gastronomía, o Camiño de Santiago, o comercio e o patrimonio, facendo destas datas unha boa ocasión para visitar e coñecer Melide». n

Tracking Pixel Contents