Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amnistía Internacional e Comisións Obreiras acusan a Amazon de prácticas antisindicais

Denuncian bloqueos do dereito a sindicarse, discriminación salarial e malas condicións laborais durante a pandemia

Amazon é a compañía líder en comercio electrónico, saíndo beneficiada nestes momentos onde se reduce a compra presencial e se incrementa a online. Porén atópase no punto de mira por outras cuestións. Segundo a organización Amnistía Internacional as persoas que traballan para empresa corren riscos en materia de saúde e seguridade desde o inicio da pandemia de COVID, pero ademais, a súa capacidade de denunciar e negociar colectivamente está sometida a presións por parte do xigante do comercio electrónico.

Os dereitos humanos internacionais recollen que todo traballador ten dereito a fundar sindicatos e afiliarse, a ter unhas condición seguras e ao seu dereito a privacidade; a organización pretende recordarlle isto a Jeff Bezos mediante unha recollida de sinaturas.

Durante esta pandemia Amazon tivo un crecemento enorme consolidando a súa posición como a plataforma de cara ao consumidor máis utilizada do mundo. E o seu director executivo, Jeff Bezos, converteuse na persoa máis rica do mundo, algo que dende a organización internacional “contrasta coas loitas que traballadores e traballadoras de Amazon están tendo para conseguir unhas condicións de traballo seguras e unha estabilidade laboral.”

Hai denuncias de que Amazon está esmagando os intentos de sindicarse das persoas traballadoras en distintos países nos que opera. Tamén denuncian que vixía os grupos privados de Facebook de quen traballa para a empresa e de que investiu nun sistema tecnolóxico capaz de espiar o seu persoal.

“Algúns traballadores e traballadoras que expresaran a súa preocupación polas malas condicións laborais durante a pandemia foron obxecto de sancións disciplinarias ou foron despedidas sobre todo en EEUU. En Europa a situación é mellor pero chama a atención o que ocorreu no Reino Unido onde a compañía ameazou con denunciar a sindicalistas de GMB por intentar achegarse a traballadores ou traballadoras e falar con elas fóra das instalacións de Amazon. E ao mesmo tempo sindicalistas de GMB informaron a Amnistía Internacional que o persoal de recursos humanos de Amazon confiscaran e romperan os seus folletos a favor do sindicato entregados a persoal desta empresa” asegura a portavoz de Amnistía Internacional.

En España o sindicato Comisións Obreiras (CCOO) levou aos tribunais a Amazon por querer aplicar un convenio que supuña discriminación salarial entre as persoas traballadoras e menos cobertura por baixa laboral. O sindicato asegura que ca chegada do virus “Amazon non cumpre coas preceptivas medidas de seguridade e saúde nos centros de traballo que ten en España”. Así como empregados de centros loxísticos españois levan denunciando condicións laborais “deshumanizantes” que xeran problemas físicos e psicolóxicos.

Amnistía Internacional pediu a Amazon máis información sobre estas cuestións, nunha carta enviada en abril de 2020. Na súa resposta a empresa manifestou: “(...) o noso enfoque dos dereitos humanos baséase nas normas internacionais; respectamos e apoiamos os Convenios fundamentais da Organización Internacional do Traballo (OIT), a Declaración relativa aos Principios e Dereitos Fundamentais no Traballo da OIT e a Declaración Universal de Dereitos Humanos da ONU”

Volveu a dirixirse por escrito a empresa o 21 de setembro de 2020 para pedirlle aclaración da súa postura sobre as acusacións de recollida de datos e vixilancia indebida sobre o seu persoal. Na súa resposta a compañía non contestaba ás preguntas específicas pero afirmaba que “Amazon concede un gran valor a manter conversas diarias con cada persoa asociada á empresa. A relación directa co noso persoal é unha parte importante da nosa cultura laboral.”

Barbora Cemusáková, investigadora e asesora de Amnistía Internacional sobre dereitos económicos, sociais e culturais, manifesta que “durante toda a pandemia os traballadores e traballadoras de Amazon estiveron arriscando a saúde e a vida para garantir a chegada de bens esenciais ás nosas casas, axudando a Amazon a xerar uns beneficios sen precedentes. Neste contexto, é alarmante que Amazon trate de forma tan hostil os intentos do seu persoal para sindicarse”

12 ene 2021 / 12:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.