Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ana Miranda: “O pobo Kurdo o que pide é un confederalismo democrático entre os pobos que configuran o Kurdistán”

A voceira do BNG denuncia que en Turquía hai represión cara a xornalistas, tanto turcos coma kurdos, e mesmo a partidos políticos

O conflito kurdo, presente no mapa dende o século pasado, agravouse nos últimos tempos. Puxémonos en contacto coa voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, xa que existe unha estreita relación do BNG co pobo kurdo e en concreto co Partido Democrático do Pobo (HDP). Ademáis, estivo presente en varios congresos deste partido e tamén participou como observadora no xuízo ao líder kurdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, celebrado no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo (onde o propio Tribunal pediu que Turquía o puxera en liberdade). A maiores, en decembro de 2018 participou na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea–Turquía, así como na delegación de observadores internacionais no referéndum que tivo lugar en Turquía no ano 2016.

A portavoz do BNG en Europa lembra que fai un ano participou en Ankara no congreso anual do Partido Democrático do Pobo (HDP). Nos diferentes encontros mantidos con esta organización política -conta co 13% dos votos, de xeito que é a terceira forza- Miranda puido constatar que o kurdo é un pobo que defende uns valores democráticos, que busca vivir en paz e que conta cun notable respaldo cidadá. Indica que o máximo problema é que non se recoñece a diversidade existente, non se recoñece territorialmente Kurdistán e non se recoñece a vida democrática internamente.

- Cómo describirías que é a economía das rexións kurdas?

Como ben sabemos o Kurdistán non está só centrado nun Estado, senon que é unha nación que se considera confederal, e está asentada sobre catro Estados.

Centrándonos no Kurdistan turco, un territorio moi vasto e con moita poboación, a economía atópase afogada, porque en Turquía a concentración industrial deuse sobre todo na parte máis ao oeste. Pero é o principal abastecedor de recursos de caracter natural; en si mesmo, o Kurdistán é a zona coa maior diversidade natural, non tan turística, porque esto céntrase máis noutras partes do país. Ademais, é unha situación moi afogadiza a nivel de recursos de infraestructuras, porque se se construíron máis autopistas, estradas... por esa zona, foi con ánimo militar por parte de Erdogan, polo que se está a ver que todo é con fin de guerra e de represión cara o pobo kurdo.

- Consideran que EEUU tivo un papel relevante no comezo do conflito?

Sobre todo dentro do Kurdistán sirio, evidentemente ten un papel significativo. Ademais, xoga un rol relevante na amizade e enemizade con Turquía. Pero é certo que ten un papel oscilante, porque houbo un momento no que os propios kurdos estiveron máis cos rusos ou cos estadounidenses, en xeral xogan un pouco en beneficio dos seus intereses. É unha situación de xeopolítica variable neste caso.

- Qué opinión teñen vostedes sobre o PKK (Partido dos Traballadores do Kurdistan)?

Nestes momentos o partido que representa ó pobo kurdo é o HDP, que é un partido diferente ao PKK. Respecto a este último, hai moita xente que o cre un partido considerado ilegal, e está na consideración por parte da UE de partidos terroristas, pero isto non é certo, xa que hai unha contestación contraria por parte de moitas organizacións políticas a nivel europeo, entre elas o grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, o grupo de Esquerda Unitaria, ou inclusive unha gran parte do Partido Socialista Europeo.

Isto acontece pola presión propia de Turquía para considerar o PKK un grupo terrorista e ilegalizalo. De feito, o seu líder Öcalan está preso incomunicado, nunha situación xa denunciada no Consello de Europa por moitas organizacións de Dereitos Humanos. Ademais, el era parte do proceso de paz, e é Turquia quen rompe esas negociacións, é Turquía quen de forma unilateral rompe coas conversas de paz realizadas en Oslo e Copenhague, polo tanto con ese illamento e esa consideración do PKK como un partido ilegal, o que fixeron foi acelerar o conflito, reprimir e non buscar unha forma de dialogo.

- Consideran que existe unha solución actual ao conflicto?

Nesta Turquía actual e co goberno de Erdogan é moi complicado porlle un fin ao conflicto, e a presión é tanto a nivel interno por esos cambios políticos que se están dando como pola presión internacional. Ademais, en diversos congresos do HDP puiden ver claramente a situación de represión que se da, como por exemplo o movemento dos universitarios, represión cara xornalistas, tanto turcos coma kurdos, xa que a población en Estambul ou Ancara está moi mesturada... Vin represión cara mesmo partidos políticos como o grupo dos verdes, onde o seu líder atacado, pero co HDP a situación é moi grave porque a persecución é moi desmesurada. A UE está nun papel moi axeonllado, o que ten é que esixir, só que co tema dos refuxiados fan unha presión que coacciona. O Acordo da vergoña entre a UE e Turquia é unha forma de coacción. O máximo problema é que non se recoñece a diversidade existente, non se recoñece territorialmente Kurdistán e non se recoñece a vida democrática internamente.

- De que maneira podería contribuír a UE na mellora da situación Kurda?

A UE ten acordadas unha serie de intencións e propostas para instar a Turquía a solucionar a cuestión kurda, a participación, o recoñenecemento de partidos políticos, o feito de que faga unha verdadeira transición democrática. Entón, no Parlamento Europeo nós pedimos unha consolidación dos acordos, non un cese dos acordos, senón unha suspensión para que isto sirva para dialogar e presionar. Isto é o que pediu o HDP, que non se cesaran, porque é a única alternativa. E o papel da Unión Europea é esixir un cumprimento e respeto dos dereitos humanos alí, como pide noutros sitios.

- Cómo se poderían resumir as reivindicacións do pobo Kurdo?

O pobo Kurdo o que pide é un confederalismo democrático entre os pobos que configuran o Kurdistán, igualdade, xustiza social, democracia plena, respecto ao dereitos e liberdades, respecto á liberdade relixiosa, e fundamentalmente un respecto a diversidade interna que existe dentro tamén do propio Kurdistán. E mais que nada o que reivindican é a súa autodeterminación como pobo e o recoñecemento dun confederalismo democrático.

- Qué papel xoga e que papel tivo xogado a muller na sociedade Kurda?

Xoga un papel moi importante, polo feito de que na sociedade kurda a igualdade é un valor fundamental. Non se constitúe a organización de ningún tipo sen que sexa mixta, sen que o papel da muller estea representado, sobre todo é relevante a Asemblea de Mulleres do Kurdistán, a marcha Mundial de Mulleres Kurdas, que foi moi importante a nivel internacional. Unha diferencia do pobo kurdo respecto ao pobo turco é que o papel de elas é un papel moi moderno, teñen esa garantía de igualdade por lei.

13 abr 2021 / 20:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.