Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 22 junio 2021
14:44
h

Ana Miranda: “ O Sahara Occidental ten que ser recoñecido”

Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, afirma que se están usurpando recursos que son propios do Sahara Occidental.

Ana Miranda foi eurodiputada do BNG nos períodos 2012-2013 e 2018-2019 e tamén o será na lexislatura actual debido aos acordos da coalición na que se atopa con ERC e Bildu (Ahora Repúblicas) no Parlamento Europeo.

Falamos ca portavoz do BNG en Europa, sobre diversos temas de actualidade internacional e nacional.

-A Comisión Europea investiga se existe unha violación da normativa comunitaria polo abuso de contratos temporais no sector sanitario galego tras a denuncia do BNG. Que reclama o persoal de enfermería?

As enfermeiras eventuais en loita foron a Bruselas da man do BNG a presentar unha denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, unha comisión moi importante porque da voz a cidadanía, foron hai un ano e xustamente en abril foi admitida a denuncia. Elas o que denuncian é a precariedade existente, o feito de que haxa contratos de duración determinada. Agora a Comisión Europea abre unha investigación, polo tanto están dúas Comisións do Parlamento Europeo (a de peticións e a de emprego) observando, mentres a Comisión Europea investiga. Isto é un logro moi grande porque as enfermeiras decidiron ir a Bruxelas porque non as escoitaban aquí, vemos así que as institucións europeas moitas veces están ao servizo para facer cumprir unha normativa que xa debería cumprirse porque é dereito interno. Tamén vamos a levar agora a de residencias de maiores, polas problemáticas dos últimos meses, e tamén o de servizo de asistencia socio-sanitaria a domicilio que están nunha situación de precariedade moi grande.

-Tras vinte nove anos de alto ao fogo, reactivase o conflito do Sahara. Cal é a posición do BNG neste conflito entre o Sahara, Marrocos e España?

O primeiro é o recoñecemento do Frente Polisario. Estamos ante unha situación de absoluta ilegalidade na que Marrocos non cumpre a normativa de Nacións Unidas de descolonización. Nun territorio no que o Estado Español tivo unha responsabilidade como potencia colonizadora, tal é como o define Nacións Unidas na Comisión 7 de Descolonización, onde tiven o pracer de estar no 2007. Esa Comisión o que di é que debe ser descolonizado todo o territorio e que ademais hai que dar unha solución pola vía dun referendo que non se realizou, para iso está a MINURSO. Por outro lado estase cometendo unha irregularidade na xestión de recursos europeos como foi o caso do tema pesqueiro, onde o propio Tribunal de Xustiza da UE ditaminou que hai unha vulneración e que se están usurpando recursos que son propios do Sahara Occidental. Nós sempre pedimos un acordo de pesca co Sahara xa que reclamamos negociar cos donos dos recursos, o mesmo ocorre co espacio aéreo, minerais, agricultura etc.

A posición do BNG é que Marrocos nestes anos está facendo unha ocupación ilegal do territorio, vulnerando a normativa de dereitos humanos e por iso hai que denunciar esta ocupación ilegal.

O Sahara tristemente despois de optar por solucións pacificas durante moitos anos non lles quedou outra que ir á guerra. Marrocos foi quen fixo a provocación no Guerguerat. Nós estamos co pobo saharahui denunciando estas vulneracións tanto no Parlamento Europeo, coma no Estatal e no Galego.

-Vostede estivo en varios campamentos de refuxiados, qué opina sobre esta situación e o que está acontecendo en Canarias co incremento da chegada de inmigrantes?

Dende hai catro anos que se agravou a crise migratoria tiven a oportunidade de ir ao campo de refuxiados de Calais en Francia, que lle chamaban “a xungla de Calais”, tamén estiven no campamento de Idomeni que estaba na fronteira con Macedonia situado nunha chaira. Vin tantas persoas que fuxían pola súa vida, moitas delas sen esperanza e que viñan de situacións terribles. Agora pouco antes da pandemia estiven no campo de refuxiados de Mytilene na illa de Lesbos, o cal ardeu e estaba nunha situación de inestabilidade total.

Hai que denunciar isto pola inmoralidade tanto dos gobernos, como neste caso de Frontex, a axencia de control de fronteiras, que esta semana pasada viamos como saía a luz un informe no que o director de Frontex dixo que había que ir “a cazar refuxiados no mar” para non prestarlles axuda. Unha organización de fronteiras ten que ofrecer salvamento xa que é unha obriga internacional dentro do dereito do mar, polo tanto non prestar axuda é un delito.

Moitos destes inmigrantes escapan de conflictos perpetuados pola intervención en xeopolítica de países de Occidente polo que tamén en Europa temos moita responsabilidade, vémolo en Palestina, no Líbano ou en Yemen onde se está botando bombas con armamento europeo.

Estas persoas sempre buscan as rutas menos perigosas, antes era por Turquía e fixose ese acordo da vergoña entre UE e Turquía. Agora atopase a nova vía por Canarias onde vemos que non hai transparencia sobre a situación nin das persoas que chegan, non hai unha preparación para facer vías legais e seguras que é o que pedimos o BNG sempre. As vías ilegais o que fan é que morra moita máis xente e que poñan en perigo as súas vidas, continúa morrendo moita xente no mar día a día, é un problema que sigue aí.

-Cal cree que é a solución para estas persoas?

A solución é buscar que eses países melloren, non tanto con intervención senón con vías de cooperación. Pero os fluxos migratorios sempre existiron e existirán polo que hai que buscar vías legais e seguras tanto no mar como no que nós chamamos “visados humanitarios” para as persoas en situación de perigo para a súa vida. Logo tamén medidas de asilo moito máis potentes, o chamado convenio de Dublín a nivel europeo está sendo reformado pero aínda non está dando unha solución efectiva, temos a obriga de acoller a moitos máis asilados e tamén cun sistema con menos trabas e máis axilidade. O único que fan as vías actuais é favorecer as mafias e poñen en perigo moitas vidas. Ademais Europa ten un problema demográfico moi grande cunha poboación envellecida polo que vai a necesitar máis persoas vivindo no continente.

E por último e non menos importante, combater os discursos de odio da xenofobia e do racismo que está habendo sobre todo por parte da extrema dereita.

-Centrándonos agora na política nacional, cal é a postura do BNG para votar “non” aos orzamentos no Congreso?

O BNG tiña unhas expectativas de acadar certas negociacións e conseguir certos investimentos para Galiza que non foron acadados. O PSOE non se prestou a negociar e vímonos obrigados a votar “non” se Galiza queda excluída e non recibe porcentualmente un avance en respecto aos outros orzamentos nin as distintas partidas sociais, ecoloxistas, de infraestruturas etc.

Non tivemos outra que tomar esa decisión, que non é unha decisión fácil, a nosa intención inicial era votar a favor porque suponse que é un goberno máis progresista e aberto, pero cando non se acepta ningunha das emendas eu creo que hai que poñer ao país por diante que é o que sempre fixo e fará o BNG. Houbo críticas pero tamén moita xente que veu acertada manter a nosa posición, reforzando a idea de que temos que negociar en Madrid como fan outras organizacións. Nós somos a primeira forza da oposición galega cun incremento de votos moi grande sobre todo da mocidade e esperase de nós que non fallemos ao país. A labor de Néstor Rego foi importante para intentar que iso saíse a diante, pero a negativa non foi do BNG senón do PSOE que se negou a aceptar as emendas.

-Tras conseguir a devolución do Pazo de Meirás está a debate cal será o próximo uso do pazo, que proxectos presenta o BNG?

O BNG sacou hoxe precisamente un programa de usos, nós creemos que debe ser un centro de memoria histórica que poña en valor a herencia de Emilia Pardo Bazán e o seu legado. Pero tamén como un centro de referencia de memoria que teña un sentido onde se desterre calquera referencia a ditadura porque foi un pazo de culto fascista. Creemos que se pode facer del un gran proxecto memorialístico, aberto a toda a sociedade pero tamén como un centro de divulgación e de difusión da memoria democrática e da memoria histórica. Tiven a sorte de entrar no Pazo de Meirás, o único grupo institucional (o grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo) que entrou en democracia e a xente de fora quedaba alucinada, o primeiro que vimos foi un busto xigante de Franco, todo o Pazo era en exaltación a figura do ditador, iso é algo que non pasa nin Alemania, nin en Italia, nin en Portugal xa que eses centros desterráronse. Agora podería ser un centro de referencia a nivel histórico onde divulgar e facer conferencias.

09 dic 2020 / 23:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.