Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Iemen: a guerra esquecida

A poboación iemení, no medio dun conflito civil, vive a peor crise humanitaria do momento. Cada 10 minutos, un neno morre por causas que se poden previr

O conflito de Iemen destaca pola súa ausencia a nivel mediático, así como a nivel institucional. É tanto o desinterese internacional que poderíamos dicir que se está dando vía libre a que continúe a guerra a pesar da dramática situación que vive a poboación civil sumida nunha crise humanitaria agora agravada coa pandemia.

No 2015 debilítase a presidencia de Abd Rabbuh Mansur al-Hadi, que solicita axuda ao seu aliado Arabia Saudí, quen forma unha coalición para combater o avance do movemento hutí e restablecer a Hadi como presidente.

Pero, por que Arabia Saudí ten tanto interese neste conflito? Por unha parte debido á negativa do ex presidente Saleh (apoiado polo hutíes) na construción, control e administración dun gran oleoduto en territorio iemení e, por outra banda, porque tamén quere conseguir o control total do estreito de Bab el-Mandeb, que destaca pola súa importancia estratéxica no fluxo de petróleo entre o Mar Mediterráneo e o Océano Índico polo que circulan a maioría de exportacións. Así como tampouco lle interesa a Arabia Saudí que se democratice Iemen e poda chegar a aliarse con Irán, o seu principal rival na zona.

Dende o comezo do conflito ata hoxe as forzas gobernamentais co apoio da coalición lograron recuperar territorios a base de bombardear indiscriminadamente sobre a poboación civil. Segundo un estudo de Yemen Data Project, en 2016 un de cada tres ataques da coalición liderada por Riad afectou brancos civís, entre eles escolas, hospitais, mesquitas e mercados, entre outros. Un 67% de todas as vítimas civís do conflito entre 2015 e 2019 morreron a causa das ofensivas aéreas da coalición. Con episodios tráxicos como a ofensiva contra un autobús escolar nunha zona de mercado en agosto de 2018, onde morreron máis de 40 civís.

Antes da chegada da guerra, Iemen xa era un dos países máis pobres da zona, coa guerra civil enfrontando os hutíes ca coalición liderada por Arabia Saudí, agravouse a situación de tal forma que hoxe en día podemos dicir que a poboación iemení está vivindo a peor crise humanitaria do momento. Segundo a ONU, cada 10 minutos un neno iemení morre por causas que se poden previr como a desnutrición ou a diarrea. Dos 30,5 millóns de iemenís, máis dun terzo necesita axuda humanitaria para sobrevivir.

O incremento de violencia no conflito armado tivo consecuencias devastadoras para os civís, destacando o bloqueo imposto por terra e aire da coalición liderada por Arabia Saudí para evitar que os hutíes reciban axuda de Irán. Tamén temos que falar dun bloqueo mediático que está apoiado por todos os socios occidentais de Arabia Saudí: a comunidade internacional e sobre todo a Unión Europea manténdose á marxe deste conflito, o que pode desencadear nunha mala estratexia porque o que pase en Iemen ten consecuencias nun futuro para Europa. Manténdose a guerra dáse un baleiro de poder polo que en moitos territorios estanse asentando grupos terroristas como Al-Qaeda ou o Estado Islámico, que conseguiron ampliar a súa zona de influencia, ademais de producir unha maior chegada de refuxiados de guerra cara Europa.

Iemen: a guerra esquecida

Pese a brutalidade da guerra, a constante vulneración dos dereitos humanos e o desastre humanitario que vive a poboación, moitos países europeos seguen a vender armas a Arabia Saudí, un dos principais actores deste conflito, algo que vai en contra das propias normas europeas e internacionais.

Segundo o Tratado Internacional de Comercio de Armas “esíxese a todos os Estados que garantan que as súas exportacións de armas non serán usadas para perpetrar abusos de dereitos humanos, actos de terrorismo, violacións ao dereito internacional, organizacións criminais nin favorecer a violencia contra mulleres e menores.” Neste caso vemos como non se cumpre a norma xa que o país saudí vulnera practicamente todos estes puntos no territorio iemení.

EEUU e Reino Unido son os principais provedores de armas a este país, mentres que países europeos como España, Francia, Grecia, Irlanda ou Portugal tampouco teñen ningún tipo de restrición de exportacións a Arabia Saudí, xa que privilexian as súas relacións comerciais e estratéxicas a pesar da contradicións cas normativas vixentes no que respecta a protección dos dereitos humanos.

16 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.