El Correo Gallego

Panorama » Nacional | nacional@elcorreogallego.es

REFORMA DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE

A mensaxe da cúpula médica a Rajoy: sobran facultativos, gástase moito en sanidade e o sector privado é máis eficiente que o público

Nun estudo presentado o mes pasado, o Foro da Profesión Médica, que inclúe a organización colexial e outros importantes colectivos, indica que o sistema sanitario español está moi fragmentado, é moi opaco, que falta información e avaliación de custes en relación aos resultados; que sobran médicos; que sobran estudantes de medicina; que é necesaria unha política sanitaria común e que os cadros de persoal dos hospitais medran demasiado

XAVIER CEA  | 21.12.2011 
A- A+

O anuncio que fixo o novo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, dun futuro Pacto pola Sanidade foi talvez o máis aplaudido e o que máis consenso xerou. As reaccións dun lado a outro do espectro parlamentario foron, en xeral, de aceptación, aínda que coa reserva lóxica do descoñecemento, porque agora mesmo ninguén sabe con precisión que se propón, cando e como. Aínda quizais si que se poida, cando menos, intuír por onde van ir as inciativas a pactar, se analizamos con atención un estudo moi recente, e moi elocuente, realizado polo Foro da Profesión Médica, que é o mesmo que dicir a Organización Médica Colexial (OMC), a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), a Federación de Asociacións Científico-Medicas Españolas (FACME), o Consello Nacional de Especialidades en Ciencias da Saúde (CNECS), a Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Medicina (CNDFM) e o Consello Estatal de Estudiantes de Medicina (CEEM).


Os profesionais consideran que a marxe de mellora na xestión do sistema de saúde é moi chamativa, e expresan a necesidade do Pacto pola Sanidade "que permita ter unha política común en tecnoloxías sanitarias, en carteira de servizos, en recursos humanos e cunha historia clínica común, entre otras cuestións". Supoño que parte deste discurso xa lles soa aos lectores porque é parecido, insisto, en parte, ao de Mariano Rajoy no debate de investidura.

 

O estudo, presentado en novembro deste ano de 2011, titúlase "Mediscopia: Variables y Tendencias. Estudio de Demografía Médica 2011. Apuntes para la eficiencia del sistema sanitario", e basicamente di que o sistema sanitario español é moi opaco, que falta información e avaliación de custes en relación aos resultados; que sobran médicos; que sobran estudantes de medicina; que é necesaria unha política sanitaria común; e que hai poñerlle freo xa ao crecemento dos cadros de persoal dos hospitais que, segundo o informe, duplica o crecemento do PIB e é moi superior ao dos países da contorna. Por outra parte, o informe indica unha eficiencia superior da medicina privada sobre a pública.


Que fará Rajoy? No discurso de investidura fixo alusións a varias medidas que encaixan moi ben con este estudo que, non o esquezamos, provén de destacadas organizacións médicas, e que, como verán de seguido, suxire claramente a diminución sensible do número de médicos, a redución do gasto sanitario, a homoxenización do sistema en toda España, e dirixe, ademais, miradas cómplices ao sector privado. Pero sigamos.


O obxectivo do traballo era a avaliación do sistema sanitario, acentuando a importancia da demografía médica. O coordinador, o economista do Estado José Luis Lancho, afirma, de entrada, que hai unha “ausencia dramática” de información relativa ao Sistema Nacional de Saúde, polo que se pide maior transparencia e maior axilidade na información para poder planificar mellor. E isto xera unha das primeiras conclusións do traballo: “o sistema sanitario español está necesitado de mecanismos de avaliación a nivel de custes e de resultados en saúde”.

Vaiamos coa relación de eivas e problemas que, como é obvio, apuntan a posibles solucións aínda que non se expliciten.

O sistema sanitario compórtase, di o informe, como un sistema fragmentado, con elevado grao de dispersión e unha "heteroxeneidade" que se traslada "aos custes unitarios e totais e aos volumes de gasto hospitalarios". A dotación española de facultativos (3,5 médicos por 1.000 habitantes) supera o valor medio dos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), que é de 3,1. Tal valor medio é superado por todas as comunidades autónomas agás Melilla, Castela-A Mancha, Murcia, Ceuta e Andalucía. Outras tres (Aragón, Madrid e Navarra) lideran o ranking, superando a todo o resto de países da OCDE.

Destaca o informe os 257 médicos asistenciais (valores medios nacionais) por 100.000 habitantes en 2008 en Estados Unidos, fronte os 348 en España, "o que evidencia que a ratio española superou a norteamericana nun 35%. Dous estudos estadunidenses pronostican para EEUU unhas cifras de 300-340 médicos por 100.000 habitantes para o periodo 2020-2025".

Outra circunstancia significativa para o Foro da Profesión Médica é "a entrada masiva de médicos extracomunitarios, o que modificou (e, probablemente, rexuveneu) o continxente profesional, reduciedo o impacto porcentual das xubilacións esperadas para o final desta década". E máis aínda, xa que contempla o contexto actual de grave crisis económica, que supón "unha corrección á baixa das expectativas de crecemento poboacional e, como parece entreverse, tamén as de crecemento do aparello sanitario".

Ante esta realidade, o Foro ve evidente a necesidade de revisar os números clausus das facultades de medicina para vitar a fabricación dunha bolsa de médicos parados. Puntualiza que na actualidade correspondería a un numerus clausus de entre 6.000 y 6.500 prazas anuais para os vindeiros dez anos, tanto para o número de estudantes de medicina como para a formación MIR. "Manter o nivel actual de 7.000 prazas provocaría un repunte importante do paro médico, comezando un novo ciclo de inestabilidade na cifra de médicos con importantes repercusiones no seu nivel de actividade e calidade como o sufrido na década dos 80-90".

EFICIENCIA PÚBLICA E PRIVADA

As cifras que analiza o informe para dar idea da eficiencia do sistema son as do crecemento do número de médicos hospitalarios e o número de pacientes atendidos (altas máis cirurxía maior ambulatoria, á que nos referiremos como CMA). En resume, entre 1996 e 2008 medrou o número de médicos hospitalarios por 100.000 habitantes nun 24,5%, mentres que os pecientes atendidos por 100.000 habitantes medrou creceu un 17,2%. É facil calcular que, segundo esta información, cada ano hai máis médicos e cada un atende menos enfermos. Poden ver todos os datos aquí.


E que pasa ao comparar o sector privado e o público? Pois que no sector hospitalario de titularidade pública, a ratio de enfermos atendidos por médico evolucionou desde 73,0 en 1996 a 64,3 en 2008 (descenso do 11,9%), e no sector hospitalario de titularidade privada a evolución foi de 59,7 en 1996 a 64,4 en 2008, o que supón un aumento do 7,9%. Como se ve, son datos claramente favorables ao sector privado. E así o fan notar, aínda que o Foro fai un pequeno gran matiz: "A diferencia de ambos ritmos de evolución alcanza case os 20 puntos porcentuais, sen que caiba obter outras conclusións sobre a eficiencia das respectivas redes hospitalarias, por carecer de información pertinente tanto sobre o número de horas traballadas (en términos FTE o Full Time Equivalent) como sobre a tipoloxía e complexidade dos procesos atendidos en cada caso".


Pero aínda hai máis, outra diferencia: o crecemento no periodo de 1996 a 2008 das dotacións do persoal facultativo e de enfermería foi do 51,5% e 38,5% no caso do sector público, e do 37,9% e o 70,1% no privado. Como se ve, modelos ben diferentes.


Segundo todas estas cifras, tamén é fácil deducir que os gastos de persoal en relación aos pacientes atendidos medran a un ritmo moi superior nos hospitais públicos que nos privados, sempre segundo o estudo do Foro da Profesión Médica. Cómpre indicar que a participación pública e privada no conxunto do gasto sanitario total mantense constante, sendo de pouco máis dun 70% para o sector público e menos dun 30% para o privado.


Finalmente, unha cifra preocupante: a de crecemento do gasto sanitario en comparación cos países desenvolvidos. Entre 1980 e 2008, en dólares USA PPP (de valor adquisitivo equivalente) e axustados para eliminar o efecto da inflación, nos quince países da OCDE con maior Produto Interior Bruto, o gasto sanitario multiplicouse, no seu conxunto, por 2,6; en España por 3,3; en Italia e Alemania, por 2,1; en Francia por 2,6; en Estados Unidos por 2,7 e en el Reino Unido por 3,2.