Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O inferno dunha activista feminista saudí acusada de terrorismo

A organización Amnistía Internacional reclama a súa liberación

Loujain al-Hathloul é unha coñecida activista polos dereitos das mulleres en Arabia Saudí, que leva dous anos no cárcere e está a piques de ser condena por delitos de terrorismo. Puxémonos en contacto con Felicia Estévez, voceira do Comité Executivo Autonómico de Amnistía Internacional, organización que reclama a súa liberación, que achegou detalles do caso.

En Mayo de 2018, Loujain al-Hahtloul é detida xunto a Eman al-Nafjan, Aziza al-Yousef, Aisha al-Mana, Madeha al-Ajroush, Samar Badawi e outras activistas que formaban o movemento “Women to drive”, que loitaba contra a prohibición como mulleres de conducir automóviles en Arabia Saudí. “Varias foron obxecto de tortura, abuso sexual e outras formas de malos tratos. Tamén pasaron meses detidas en réxime de incomunicación sen acceso a familiares ou avogados ”, afirma a voceira da organización.

Sobre a liberación dalgunhas destas activistas Estévez coméntanos que “oito delas foron postas en liberdade de forma provisoria pero cinco, Loujain al-Hathloul, Samar Badawi, Naseema al-Sada, Nouf Abdulaziz e Maya'a al-Zahrani, seguen detidas. Son acusadas de promover os dereitos das mulleres, pedir o fin do sistema de tutela masculina, contactar con medios estranxeiros, activistas e organizacións internacionais, incluídas Amnistía Internacional e Human Rights Watch e querer desestabilizar o país. ”

Loujain al-Hathloul fora arrestada anteriormente pasando 73 días no cárcere por intentar cruzar a fronteira entre Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudí en coche, desafiando así a prohibición de conducir sendo muller. Este 25 de novembro o país transferiu o seu caso a un Tribunal Antiterrorista, de forma que pasará a ser tratada no xuízo como posible terrorista.

Nos últimos anos Arabia Saudí, baixo o liderado do Príncipe Herdeiro Mohamed bin Salman, levou adiante algunhas reformas importantes de dereitos humanos, como eliminar a prohibición de conducir ás mulleres, suprimir algunha das regras de segregación baseadas no xénero, acabar ca pena de morte para menores ou pór fin ao castigo de flaxelación. Pero estas reformas tamén foron acompañadas de continuos recortes de liberdades fundamentais e dereitos humanos como a liberdade de expresión, reunión e asociación e a igualdade de dereitos para as mulleres.

En canto a posición doutros países e as reformas “democratizadoras” de Arabia Saudí, Felicia insiste en que “a pesar das reformas dos últimos anos as mulleres saudís están desprotexidas debido ao sistema de tutela masculina e moitas mulleres seguen loitando para exercer os seus dereitos. Dende xuño de 2019 as mulleres poden conducir en Arabia Saudí pero algunhas das mulleres que loitaron por conseguir ese dereito seguen no cárcere . A apertura de Arabia Saudí ao mundo, a súa presidencia do G20 que rematou en novembro de 2020, a celebración da reunión do G20 en Riad, non pode agochar a falta de dereitos humanos nese país. Os estados que forman este Grupo dos 20 non deben consentir ser utilizados como parte da campaña de relacións públicas de Arabia Saudí para encubrir o seu historial de violacións de dereitos humanos".

02 dic 2020 / 13:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.