imprimir

INICIATIVA

Un museo do retrete lembra que 700 millóns de indios carecen de aseos

15.03.2009 A colección que se pode ver en Nova Deli recolle por orde cronolóxica mostras auténticas, réplicas e imaxes de diferentes sanitarios que abarcan dende a antigüidade ata o día de hoxe

JESÚS RAMÍREZ CANCELA

Urinarios rococó, cuncas victorianas ou escatolóxicas réplicas de tronos reais sérvenlle como escusa reivindicativa ó Museo Internacional do Retrete de Nova Deli para denunciar que 700 millóns de indios carecen de acceso a sanitarios.

A idea partiu do doutor Bindeshwar Pathak, fundador da ONG Organización Internacional Sulabh de Servizos Sociais, que se dedica desde 1970 a instalar aseos tanto domésticos como públicos para mellorar a situación de salubridade da poboación da India.

"Pensei: xa que traballei durante moitos anos neste campo, por que non facer un museo do retrete, que non está dispoñible en ningún outro lugar do mundo. Escribín cartas a 101 embaixadas de diferentes países situadas en Deli. Delas, 61 responderon moi rápida e positivamente", declarou Pathak en entrevista con Efe.

Así foi formándose a colección, que recolle por orde cronolóxica mostras auténticas, réplicas e imaxes de diferentes retretes e abarca desde a antiga civilización do val do Indo ata as últimas achegas nipoas ó cada vez máis sofisticado arte do escusado. Unha das pezas máis interesantes que o visitante pode atopar é unha réplica dun trono real cun inodoro camuflado desde o que o monarca Luís XIV de Francia atendía as súas audiencias á vez que podía relaxar tensións corporais.

Xunto ó trono, sorprenden polo seu carácter utilitario cadeiras de brazos de coiro con orificios que desembocan en cubos de metal, utilizados noutro tempo por xogadores de cartas que non querían perder nin un segundo en minucias hixiénicas durante o transcurso das súas dilatadas partidas.

Destaca tamén unha mesa de madeira cun evacuatorio de louza escondido, empregado outrora pola nobreza europea que, cando saía de cacería, podía tanto dispor nela as viandas como gozala para aliviar a chamada da natureza.

O museo exhibe ademais outros destacables exemplos de traballada factura como urinarios decimonónicos ornamentados con pequenas esculturas e alambicadas filigranas ou elegantes cuncas vitorianas de cerámica engalanadas con diferentes motivos florais.

"Creouse interese ao redor de todo o mundo, non só na India, moita xente vén para ver o museo dos retretes, senten curiosidade. Atopei algúns visitantes que viñeron directamente desde o aeroporto a este museo", asegurou o pai da singular idea. Pero tras os detalles pintorescos do museo subxace outra realidade, a dos 2.500 millóns
de persoas que carecen de sanitarios no mundo, a metade no sur de Asia.

"Na India, setecentos millóns de persoas non teñen aínda acceso a aseos seguros, teñen que ir fóra para defecar. Todas as mulleres sófreno, elas deben saír ademais a defecar antes da saída ou logo da posta de sol", denunciou Pathak.

Segundo os datos que esgrime a Organización Sulabh, tomados dun informe de avaliación do saneamento difundido pola OMS e Unicef, apenas un 33 por cento da poboación india dispón de instalacións sanitarias, cobertura que se reduce entre a poboación rural ata un 22 por cento. Por iso, dixo Pathak, xunto á instalación de sanitarios é necesaria a educación da poboación e nese contexto é onde atopa un sentido pedagóxico este Museo Internacional do Retrete nun país como a India, onde a tendencia arraigada e predominante é a defecación ao aire libre. O Goberno propúxose erradicar esta práctica, especialmente arraigada no campo pero tamén visible nas grandes cidades, para o ano 2012.

Pechando a visita guiada ó museo delí, o visitante tópase cunha cita de Lucinda Lambton: "O aseo é amigo íntimo de todos nós e debemos honralo como tal. É innegable que é un glorioso trono que nos fai rir con pracer, por que entón minimizar a súa importancia, converténdoo nun mal necesario?".