El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

"Os alumnos teñen unha creatividade impresionante, sobre todo cando son máis novos"

Falamos en Radio Obradoiro con Tino Álvarez, profesor do IES Rosalía de Castro, dun dos proxectos deste centro que estiveron presentes no Galiciencia 2016

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Tino Álvarez, profesor do IES Rosalía de Castro

SANTIAGO. TECNÓPOLE // RO  | 16.11.2016 
A- A+

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), acolleu estes días pasados unha nova edición de Galicienca, a maior feira científica de Galicia. Desta volta exhibiu 75 proxectos centrados na actualidade de 35 centros de Galicia, Asturias, Cataluña e Euskadi.

Dun deses proxectos falamos en Radio Obradoiro. Trátase concretamente do SOSgram, deseñado por Diego Barreiro e Óscar Olveira, alumnos do IES Rosalía de Castro, de Santiago. O obxectivo principal do mesmo é desenvolver unha aplicación móbil coa que os usuarios poidan falar ou chatear directamente con expertos en emerxencias para poder solucionar problemas máis rápido. Desa forma, un usuario que teña por exemplo unha fuga de auga, pode falar con emerxencias para que o aconsellen sobre como actuar.

E non só serve para casos sinxelos. Se hai un accidente, por exemplo, SOSgram ten unha función de SOS Rápido, na que pulsas un botón e directamente falas cun axente do 112. A idea é crear unha ferrramenta para que a xente poida solucionar calquera problema máis rapidamente e sen depender tanto do desprazamento dos servicios de emerxencias máis que cando sexa estrictamente necesario.

O profesor de Tecnoloxía do Rosalía de Castro, Tino Álvarez, foi o encargado de dirixilos durante o proxecto. Contábanos en Caixón de sastre que tanto Diego Barreiro como Óscar Olveira "son grandes especialistas en crear aplicacións informáticas". Un participaba en Galiciencia por terceira vez, e o outro por segunda vez. Sinalou que "os alumnos teñen unha creatividade impresionante, especialmente cando son máis novos". Para el, citas como Galiciencia son fundamentais para incentivar ós rapaces.

OUTROS PROXECTOS EN GALICIENCIA

Sistema de barreiras para prevención de accidentes en autobuses

O proxecto consiste na elaboración da maqueta dun autobús sobre o que se instalan dúas barreiras, unha na parte posterior e outra na parte anterior, no lado esquerdo segundo o sentido da marcha. Estas barreiras acciónanse mediante un sistema hidráulico a vontade do condutor, ou ben podería automatizarse de forma que se estendan ao parar o autobús e se repreguen en canto este inicie a marcha. Estas barreiras disuaden os pasaxeiros que descendan do vehículo de invadir a calzada co conseguinte risco de accidente. O proxecto completarase co estudo da súa posible homologación por parte das autoridades competentes en seguridade vial e tráfico. As súas responsables son María Alonso e Raquel Cancela, tamén do IES Plurilíngüe Rosalía de Castro de Santiago.

Prototipo para o aforro de auga no fogar (proxecto gañador do Galiciencia 2016)

Mediante este proxecto creouse un dispositivo que conta os litros que saen pola billa da ducha e detén o chorro ao chegar a unha cantidade suficiente para unha ducha de 5 min. Este dispositivo divídese en tres módulos: un que recolle datos da cantidade de auga empregada, outro que analiza os datos recollidos polo sensor e lle mostra a información ao usuario, e un último que impide o fluxo de auga pola canle unha vez o límite está superado. O fluxo normal de auga reestablécese despois de que pasen 5 minutos. O aparato emprega tres díodos para indicar en que tramo se encontra o gasto. Se o consumo de auga é baixo, préndese o led verde, se comeza a elevarse, o laranxa, e se o consumo roza os límites alumea o diódo vermello e soa un zumbador. Asina este proxecto Manuel Porto, do Compañía de María, de Santiago.

Estudo do fluxo de muóns con respecto ao seu ángulo cenital de incidencia

A partir da construción dun detector de partículas, de funcionamento similar ao de dous contadores Geiger, estudouse o fluxo de raios cósmicos con respecto ao ángulo cenital dos detectores. Concretamente, o que se detectaron foron muóns, as únicas partículas capaces de atravesar os detectores, que inciden na nosa superficie de maneira constante. A partir dos rexistros, aproximouse o ángulo dos detectores ao das partículas, coa súa correspondente incerteza, para finalmente comprobar que o fluxo aumentaba a medida que o ángulo cenital diminuía. Ademais, comprobouse a relación de proporcionalidade directa entre o coseno ao cadrado do ángulo e o fluxo e comparáronse os resultados coas medidas doutro detector de diferente construción. A responsable deste enxeño é Isabel Sáinz, do IES Plurilíngüe Rosalía de Castro de Santiago. 

Autómatas con capacidade de aprendizaxe

Os alumnos Lois Meira e Christian Capeáns, do IES de Brión, propuxéronse traballar con aprendizaxe artificial e visión computacional dunha forma asequible e aberta, que puidera implementarse en máquinas, robots e autómatas. Deseñaron, programaron e montaron un pequeno robot terrestre capaz de detectar, seguir e recoñecer persoas. Aínda que só se trata dun prototipo de funcionalidade limitada, demostra a efectividade do sistema e o código desenvolvidos. Documentaron e compartiron o material elaborado para que calquera persoa interesada poida empregar os resultados nos seus propios desenvolvementos. 

Síguenos en Twitter Facebook