El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

"Barbarización" da toponimia galega: Pollo, Guinzo ou Otero de Rey

A Mesa esixe que actúe Política Lingüística ante a deturpación de nomes de concellos

SANTIAGO. EP  | 27.09.2016 
A- A+

A Mesa pola Normalización Lingüística esixiu á Secretaría Xeral de Política Lingüística que actúe ante a "barbarización" da toponimia galega en varios medios de comunicación españois públicos e privados.

Nun comunicado, relata que nomes como 'Pollo' --por Poio (Pontevedra)--, 'Guinzo' ou 'Carballino' --por Xinzo e O Carballiño, en Ourense--, así como 'Jove' ou 'Otero de Rey' --por Xove e Outeiro de Rei, en Lugo-- foron utilizados "para indicar os resultados das eleccións galegas do 25 de setembro.

Ante esta situación, A Mesa reclama a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tacha de "inaceptable" que 33 anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística aínda haxa que lembrar que "os lugares de Galicia só teñen unha forma legal e lexítima".

"A imposición de barbarismos e a deturpación da toponimia é un ataque á nosa dignidade colectiva como galegos", salientou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, quen lembrou que a Xunta ten o deber de "velar polo cumprimento das normas" e o "respecto" á lingua galega.