El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

Enrique Jiménez ingresa na Academia Galega de Belas Artes na sección de música

Pronunciará o seu discurso nun acto de recepción pública que se celebrará o sábado 27 no Hostal dos Reis Católicos

VÍA LÁCTEA COMUNICACIÓN  | 24.02.2016 
A- A+

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará o sábado, día 27, unha sesión extraordinaria pública na capela do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela (Praza do Obradoiro, 1) ás 12:30 horas para a recepción do académico electo da Sección de Música, Enrique José Jiménez Gómez.

Jiménez pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “A magna triloxía violinística galega do século XX”. O novo membro será contestado, en nome da institución, polo académico numerario da sección de música, Ramón Castromil Ventureira. A súa entrada na Academia foi aprobada por votación regulamentaria e con maioría absoluta na sesión ordinaria do 30 de maio de 2015 para cubrir unha vacante de nova creación.

ENRIQUE JOSÉ JIMÉNEZ

O musicólogo Enrique José Jiménez Gómez iniciou os seus estudos musicais en Santiago de Compostela aos doce anos de idade co profesor Jesús Martínez, para despois revalidalos no Conservatorio de Compostela na modalidade de ensinanza libre. Ingresou aos dezasete anos como violinista na Orquestra da Capela da S.A.M.I. Catedral de Santiago. É, ademais, Doutor en Medicina e Cirurxía, especialista en Obstetricia e Xinecoloxía e profesor desa materia así coma tamén da de Historia das Ciencias Médicas, na Facultade de Medicina. Retirouse da interpretación musical ante o público en 1989. Demostrou sempre un interese polo cultivo doméstico da música de cámara, especialmente do repertorio clásico, nos ámbitos do trío e cuarteto de arco, e obras para violín e piano, sobre todo as referidas á forma Sonata.

Escribiu multitude de libros e artigos sobre temática musical e participou en diversas mesas redondas e coloquios. Actualmente é secretario dos Cursos “Música en Compostela”.