Lunes 21.10.2019 Actualizado 12:28
Google    

El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

estudo da endogamia

Investigadores da USC usan a dinastía dos Habsburgo como un laboratorio da consanguinidade da humanidade

Francisco Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez - FOTO: USC
Francisco Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez - FOTO: USC

SANTIAGO. EP  | 19.04.2013 
A- A+

Investigadores da Universidade de Santiago (USC) utilizaron a dinastía real dos Habsburgo como un laboratorio da consanguinidade da humanidade. Segundo explican, o estudio da endogamia nas dinastías reais europeas de principios da Idade Moderna recibiu pouca atención a pesar das vantaxes da súa utilización como modelos da endogamia humana.

Neste sentido e segundo investigadores do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago, os Habsburgo son unha das dinastías "máis interesantes" pola "súa política matrimonial", responsable dun "caso extremo de persistente consanguinidade en xeracións".

Os investigadores concluíron unha nova análise sobre consanguinidade de toda a dinastía Habsburgo, cubrindo un período de 300 anos de xenealoxía (de 1450 a 1750) a partir da información dispoñible nas fontes históricas.

Nun artigo que asinan Francisco Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez Jurado na revista 'Heredity', os investigadores calculan os coeficientes de parentesco e consanguinidade dos Habsburgo a partir dunha base de datos que inclúe máis de 4.000 persoas pertencentes a máis de 20 xeracións entre pais e fillos.

No período sinalado, engade Francisco Camiña, analizaron un total de 73 matrimonios pactados entre emperadores do Sacro Imperio Romano e reis da casa Habsburgo española, así como os seus fillos e os seus netos entre 1450 e 1750.

O traballo de investigación desenvolvido sinala que o coeficiente de consanguinidade máis alto na dinastía dos Habsburgo se produciu na rama austríaca onde Maria Antoine de Habsburgo, filla de Leopoldo I e a súa sobriña Margarita de España (irmanda de Carlos II de España), tivo un coeficiente de endogamia de 0,3053, superior ao que se rexistra na descendencia dunha unión incestuosa (entre pais e fillos ou entre irmáns).

COEFICIENTE MÁIS ALTO

Sobre a metade dos matrimonios da casa Habsburgo alcanza un coeficiente de parentesco máis alto que o correspondente á unión de primos, e practicamente o 20 por cento dos matrimonios rexistran un parentesco superior ao que correspondería a unha unión entre un tío e a súa sobriña.

A comparación destas medias cos rexistros de depresión endogámica en poboacións humanas contemporáneas "pon de manifesto o forte impacto da endogamia na supervivencia da proxenie dos Habsburgo", explican Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez no artigo.

Os investigadores opinan que as dinastías reais da Idade Moderna "son perfectos laboratorios de consanguinidade". A abundancia de información xenealóxica e demográfica ou o ambiente homoxéneo no que transcorren as historias persoais explican esta afirmación para engadir que "o 10,4 por cento da humanidade é consanguínea", o que redunda na necesidade de coñecer os efectos dunha elevada consanguinidade nas poboacións humanas.

Francisco Camiña considera que a información demográfica dispoñible, con datos como o número de fillos de cada parella real ou a mortalidade dos menores, permite estudar os efectos da consanguinidade en supervivencia, fertilidade ou morbilidad.

O investigador explica ademais que varios traballos demostraron de modo empírico que as condicións nas que viviron os reis non cambiaron en practicamente cinco séculos, unha homoxeneidade ambiental "fundamental para poder establecer estudios que abrangan un período de tempo tan prolongado".

ENFERMIDADES RARAS

O estudio da consanguinidade nas poboacións humanas, segundo explican, "é imprescindible" para o das enfermidades raras, engade Francisco Camiña, quen destaca ademais a utilidade desta liña de traballo para estudar as relacións entre o genotipado e o fenotipado doutras doenzas máis comúns como a hipertensión, a asma, a gota, a depresión, o cancro ou a esquizofrenia, entre moitas outras.

"A consanguinidade actúa a nivel do xenoma, polo tanto toca todo e intervén en todo", manifestou, para engadir que se pode aproveitar o seu estudio para coñecer o funcionamento do xenoma, representando en moitos casos atallos para descubrir as bases xenéticas das enfermidades.

Este traballo dos científicos da USC xa espertou interese en diferentes ámbitos, como demostra o artigo que está a preparar para a próxima semana 'Nature News' e o portal de noticias 'Materia'.